As agrupacións feministas xuntaron centos de persoas en Carnota, Cee e Ponteceso

Imaxe da multitudinaria concentración en Ponteceso

Innumerables as citas municipais realizadas este venres arredor do Día Internacional pola eliminación da violencia de xénero. Accións moi necesarias aínda nunha bisbarra e nun país onde nin a mocidade salva de conductas machistas continuas.

Pero máis necesarias son aínda as accións protagonizadas pola cidadanía, pola xente, polas nosas mulleres. E as concentracións que protagonizaron en Carnota, Cee e Ponteceso merece unha atención especial. Citas que serviron para denunciar que son 38 mulleres asasinadas en España neste ano, pero tamen para denunciar outro tipo de violencias máis silenciadas, como a violencia psicolóxica, violencia na saúde mental das mulleres, violencia sexual e ata a violencia institucional e xudicial.

Feminismo en Pé en Ponteceso

Era o de onte o primeiro evento que artellaba a Plataforma “Feminismo en Pé”. Nacida en verán e formada xa por máis de 30 mulleres de Laxe, Malpica ou Ponteceso, convocaban á veciñanza na Praza do Recheo. Contabilizaron arredor de 300 persoas (acodiron tamén as bravas traballadoras en folga do servizo de axuda no fogar), que escoitaron os nomes das 38 asasinadas, e o comprometido manifesto.

Un manifesto no que lamentan a “falla de formación transversal e de perspectiva feminista nos distintos sistemas de atención ás mulleres, e en particular no sistema xudicial, fai que as mulleres se vexan vexadas e humilladas pola administración da xustiza de man de persoas sen sensibilidade”. E tamén no que alertan de que “medran entre a mocidade e se asentan patróns de comportamento machista que xustifican o control e os ciumes, ou que infravaloran a capacidade das mulleres novas, dándose un incremento da violencia verbal e psicolóxica que en moitas ocasións mesmo pasa desapercibida polas rapazas e polo seu entorno máis próximo”.

Mulleres de Feminismo en Pé en Ponteceso

Buserana en Cee

Concentración en Cee con Buserana

O colectivo feminista decano da comarca, Buserana, convocaba a súa obrigada cita ás 20:00h na Praza 8 de marzo. Un centenar de persoas acodiron a poñer candelas, escoitar o manifesto e concienciarse da necesidade de seguir loitando para acadar a plena liberdade.
A entidade quixo rematar cun halo de esperanza e fíxoo coa entrega dos Premios do II certame de relatos Buserana, que foron para Irene García Naranjo, de 15 anos, e para Ariadna Castro na categoróa absoluta. O luns leremos os relatos en QPC.

Sonlilá en Carnota

Máis cativa pero non por iso menos emotiva foi a concentración de Carnota. As mulleres da Asociación Sonlilá convocaban á xente ás 19:30h na Praza da Pedra, onde leron o Manifesto da Marcha Mundial das Mulleres e berraron consignas feministas. Un manifesto que tivo por lema “Se o presente é loita, o futuro será libre”, e que lembrou os primeiros encontros feministas como o realizado no Caribe en 1981 en homenaxe ás irmás Mirabal, vítimas do feminicidio e da ditadura da República Dominicana nos anos 60.

”Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!”, avisaron.

Outras citas

Xa vivimos a fermosa acción de cometas tanto en Zas como en Vimianzo, ou o manifesto institucional ldo no Concello de Carballo:

En Cee, pola mañá centros de ensino, concello e entidades sociais celebraron a sesión reivindicativa inaugurando un mural de Rakel Cavallo.

Rakel Cavallo en Cee-Foto-Rafa Quintáns
25N en Cee cos IES-Foto-Rafa Quintáns

Pola súa parte, en Cabana puxeron o ton poético na xornada ‘A visibilidade da muller’, promovida pola área de Cultura, contou coa lectura de poemas a cargo das poetisas Maica Pastoriza, Branca Vilela, Rosalía Fernández e a autora local, Matilde Vilariño.

En Cabana

Mentres, por Ponteceso artellaron Saída Cultural a A Coruña na que participaron máis de trinta mulleres.

Mulleres de Ponteceso na Coruña

Revindicacións

Non queremos rematar sen deixar a listaxe completa de reivindicacións que sinalan no seu manifesto as mulleres bergantiñáns de Feminismo en Pé.

- Que se recoñezan como asesinatos machistas todos aqueles cometidos por homes, só polo feito de ser mulleres.

- Que se considere violencia machista, todos os tipos de violencia que recibimos: sexual, económica, institucional…

- O aumento do investimento para a prevención da violencia machista. Creando políticas educativas de sensibilización e formación dende idades temperás.

- O aumento do investimento para a detección e protección das vítimas. Ampliando as penas dos maltratadores, as medidas policiais de protección ás mulleres, construindo programas efectivos de reeducación, favorecendo medidas que permitan a independencia económica das mulleres maltradadas…

- A reforma do sistema xudicial, que actualmente revitimiza ás mulleres, sendo precisa a formación feminista a todas as persoas que actúan no sistema xudicial. Así como a disposición de leis claras e concisas que non dean lugar a eivas por interpretacións incorrectas das maxistraturas.

- Políticas de calado contra a pandemia da violencia sexual. Que abarquen dende a sensibilización social á coeducación,á prevención, á protección, á atención integral e á reparación das vítimas. Así como a erradicación da pornografía, escola perfecta para os futuros violadores e agresores sexuais.

- O recoñecemento da violencia obstétrica, lexislando para que se respeten os plans de parto e se garanta o benestar das nais e bebés escoitando as súas necesidades.

- O aumento do investimento en coeducación nos centros educativos, para traballar pola abolición dos estereotipos de xénero.

- Medidas de conciliación e de apoio ás familias, que favorezan que a crianza sexa acompañada e corresponsable.

- Unha lei que dea reposta a todas as necesidades das familias monomarentais (o 80% das familias nas que so hai unha proxenitora, esta é muller) , que experimentan a crudeza da crianza en solitario. E das lesbomarentais no recoñecemento de ambas nais.

- Medidas urxentes para a erradicación da pobreza e precariedade laboral das mulleres, ocasionada por unha falta absoluta de políticas de emprego digno basadas na igualdade efectiva.