Carnota, Cee e Ponteceso criticaron o erro do sistema de protección no asasinato machista de Maritza
Despois das concentracións institucionais do pasado luns, esta tarde de martes as vilas de Cee, Carnota e Ponteceso saían á rúa para manifestar o seu rexeitamento ao crime machista da Coruña.
Mentres o presunto culpable de endosar máis de 60 puñaladas a Maritza marchaba cara Texeiro tras serlle declarada a prisión provisional, realizábanse 3 concentracións na comarca. Concentracións como a pontecesá nas que se denunciaba con dureza o erro do sistema de protección, unha vez que a vítima estaba integrada no sistema Viogen.
En Cee, desta volta eran varias mulleres as que convocaban a concentración na Praza 8 de marzo en memoria de Maritza e en contra do feminicidio.
En Ponteceso era o colectivo Feminismo en Pé o que convocaba á veciñanza na Praza do Recheo.
E como xa fixeron tamén a semana pasada co feminicidio de Moraña, as bravas da Asoc. Sonlilá de Carnota concentrábanse na Praza da Pedra de Carnota, lendo este manifesto da Marcha Mundial das Mulleres:
MANIFESTO Ante o feminicidio de Maritza, de 49 anos, na Coruña
Estamos nas rúas da Galiza porque desta volta foi MARITZA a quen a súa parella sesgou a vida tras asestarlle unha morea de coiteladas.
Hai tan só unha semana denunciabamos o tratamento do feminicidio de Marisol Costa (aínda non recoñecido oficialmente como tal) por parte quen representa ao goberno do estado na Galiza. Se lembrades, o subdelegado do goberno, Abel Losada, pese a recoñecer que Marisol Costa estaba no sistema VIOXEN e cun risco alto, manifestaba que “non se podía protexer a quen non quere que a protexan”.
Desta volta é a subdelegada do goberno na Coruña, María Rivas, quen tras confirmar que a vítima estaba dentro do sistema VIOXEN, despois de ser agredida polo seu asasino en setembro do ano pasado, esta non denunciou, pese ao cal iniciouse un procedemento xudicial de oficio que rematou cunha sentencia condenatoria o pasado 27 de maio e unha orde de afastamento en curso que non impediu que conviviran tras casar ese mesmo mes, porque segundo ela: “la vítima no se sentía en condiciones de denunciar, pero el sistema reaccionó», centrando todo o seu discurso en defender a acción das institucións (dos corpos de seguridade, da administración, da xudicatura) obviando que foron as institucións as que avaliaron a situación de violencia cun risco medio e que non só non evitaron que volvese a agredila, senón que o caso rematou en asasinato.
Na concentración do pasado xoves denunciábamos que non podíamos tolerar seguir vivindo nunha sociedade na que os máximos representantes públicos, encargados de que se respecten os nosos dereitos e de garantir a nosa protección, no canto de poñer no aceno nos agresores cuestionen o comportamento da vítima, mesmo ata o punto de responsabilizala publicamente do seu asasinato. Manifestábamos que se non estaban capacitados para estar a fronte dun cargo desta magnitude que os cesen ou que dimitan. Que non podíamos consentir máis agresións. Agora, catro días despois volvemos a repetir o mesmo, amosando publicamente a nosa carraxe e indignación co comportamento das persoas que gobernan as institucións, aproveitando o lugar de privilexio que lles outorga o poder para revitimizar ás mulleres que denuncian, exercendo unha violencia institucional que deposita nas mulleres toda a responsabilidade se denuncian, se non o fan, no canto de poñer o dedo acusador no asasino e nos erros do sistema.
Tamén onte soubemos dun intento de feminicidio en Vigo, que afortunadamente non rematou en asasinato, nunha cidade que rexistra varios atestados por delitos de violencia de xénero a diario, como tantas outras do país. Estamos asistindo a unha situación de TOTAL EMERXENCIA onde hai milleiros de vidas en xogo.
De seguir así, corremos o risco de que como sociedade nos acostumemos a ser testemuñas da violencia, como acontece co xenocidio do pobo palestino. Non podemos permitirnos que ningunha morte sexa asumida como algo cotiá. Hai que respostar de xeito contundente e esixir responsabilidades. NIN UNHA MORTE MÁIS.
Hoxe estamos na rúa polas que non están. Por MARITZA, porque o sistema que tiña que protexela non o fixo, e segue a repousar nela a responsabilidade de engrosar unha longa lista de MULLERES ASASINADAS POR MACHISTAS, VÍTIMAS tamén DA VIOLENCIA INSTITUCIONAL.
Mobilizámonos e berramos porque non podemos aturar máis mostras de ineptitude. Por isofacemos un chamamento a todas as persoas que consideren que é preciso POÑER Á FRONTE DAS INSTITUCIÓNS A PERSOAS CUALIFICADAS QUE NON LLES TEMBLE A MAN EN SINALAR O QUE ESTÁ DETRÁS DE CADA FEMINICIDIO, EN ESIXIR UN CAMBIO RADICAL DO SISTEMA, por iso chamamos a mobilizarnos de novo dentro dunha semana diante das sedes do PP, contra quen ten a responsabilidade de dar exemplo desde as institucións e permite que se sigan cuestionando as vítimas.
ABONDA XA! FÓRA MACHISTAS DAS INSTITUCIÓNS! NIN UNHA MENOS, NIN UNHA MÁIS.
Seguiremos en marcha, berrando nas rúas, ata que todas sexamos libres