As entidades feministas de Ponteceso e Carnota saíron berrar contra o Feminicidio de Moraña

Cos lemas “basta xa de violencia!” e “O machismo mata” ducias de vilas do país saíron esta tarde de xoves para denunciar o asasinato machista de Moraña. Seguindo a convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres, as bravas mulleres da Asoc. Feminista Sonlilá de Carnota e de Feminismo en pé na comarca de Bergantiños, protagonizaron sendas pequenas, pero simbólicas, concentracións de repulsa na Praza da Pedra da Carnota e no Recheo de Ponteceso.
Lembraron que Marisol Costa, de 49 anos, en Moraña, ten nome, non é só unha cifra, e leron este comunicado:
Mobilizámonos hoxe aquí, unha vez mais, tras coñecer pola prensa escrita que tras analizar o ADN, confirmábase que as persoas atopadas calcinadas no automóbil en Campo Lameiro eran Marisol Costa e a súa exparella Ramón García, un maltratador condenado con sentencia firme, que tiña unha orde de afastamento dela e outra condena por maltratar á exmuller.
Aínda que todas as pesquisas levaban a esa conclusión desde o momento de atopar os corpos, a subdelegación do goberno en Pontevedra non chegou a confirmar oficialmente o caso como un feminicidio, polo que os colectivos feministas agardamos a espera dos resultados da investigación.
É no momento en que coñecemos que por parte da institución se confirma a identidade dos corpos, cando procedemos a convocar as mobilizacións de repulsa. Mais o que non agardamos e denunciamos dende o primeiro momento publicamente é o posicionamento verquido con total impunidade aos medios de comunicación por parte de quen representa ao goberno do estado na Galiza: O subdelegado do goberno, Abel Losada, pese a recoñecer que Marisol Costa estaba no sistema VIOXEN e cun risco alto, manifestou que “non se pode protexer a quen non quere que a protexan”.
Que podemos agardar dunha sociedade na que os máximos representantes públicos, encargados de que se respecten os nosos dereitos e de garantir a nosa protección, no canto de poñer no aceno nos agresores cuestionen o comportamento da vítima, mesmo ata o punto de responsabilizala publicamente do seu asasinato? Se non están capacitados para estar a fronte dun cargo desta magnitude que os cesen ou que dimitan. Mais non podemos consentir máis agresións.
Queremos amosar publicamente a nosa carraxe e indignación co comportamento dos homes que gobernan as institucións e que aproveitan o lugar de privilexio que lles outorga o poder para revitimizar ás mulleres que denuncian, para culpabilizalas dos abusos, do maltrato, das agresións sufridas, incluso cando as atopan calcinadas, espallando a toda a sociedade unha falsa e preocupante imaxe de que ou ben denuncian a inocentes, ou ben merecen o que lles pasen. Lóuvanse aos corpos de seguridade en vez de investigar en que erraron.
Non podemos esquecernos de que na última concentración polo feminicidio de Josefa nas Ermidas (no Bolo) denunciabamos que o Director Xeral de Loita contra a violencia de xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba esixía as mulleres que denunciaran para podelas protexer. O mesmo goberno que utilizou os micrófonos do Parlamento Galego para amparar a un conselleiro denunciado por agresión sexual, con sumisión química, para louvar o seu comportamento ao anunciar a súa dimisión e desexarlle que en breve poida volver ao cargo tras demostrar a súa inocencia, insinuando así que a denuncia presentada contra el é falsa.
Un goberno, o do PP, que ven realizando recortes en materia de sanidade, en materia de atención psicolóxica ás vítimas de violencia machista, que revitimiza, que consolida a mensaxe da ultradereita das denuncias falsas, que eliminou a Secretaría Xeral de Igualdade, que baleira os centros Quérote, que privatiza os centros de atención 24 horas contra a violencia machista e as agresións sexuais…
Hoxe estamos na rúa polas que non están. Por MARISOL, porque o sistema que tiña que protexela non o fixo, e mesmo agora, que está morta, seguen a cuspirlle. Mobilizámonos e berramos porque non podemos aturar máis mostras de ineptitude. Porque hai que botar das institucións aos incapaces, aos covardes...
ABONDA XA! FÓRA MACHISTAS DAS INSTITUCIÓNS!
Machismo fóra das institucións
O feminicidio chega un par de días despois do proceso de branquamento da Xunta ao seu Conselleiro investigado por acoso sexual, ao que responderon así os colectivos feministas.