Ponteceso invita a toda a comarca a participar no I Foro sobre Intelixencia Artificial
Que a nosa comarca é unha potencia en materia de Interlixencia Artificial demóstrase co impacto dos dous mellores mestres a nivel estatal, e os seus dous libros sobre a implantación da IA no ensino e na vida cotiá.
Ponteceso quere aproveitar esa sinerxia, e será escenario do I Foro sobre Intelixencia Artificial, unha iniciativa que nace da man do colectivo Ponteceso Cultura Permanente coa vontade de situar o debate sobre o impacto da IA tamén fóra dos grandes centros urbanos, levando esta conversa ao medio rural.
O Foro celebrarase este sábado 11 de abril, a partir das 10:00 h, no IES Eduardo Pondal de Ponteceso (Rúa Teresa Mosqueira Manso, s.n)
O encontro propón un espazo de reflexión compartida arredor dunha tecnoloxía que xa está a transformar ámbitos clave como a educación, o traballo, a cultura ou a comunicación. Lonxe de limitarse a unha visión técnica, o foro pon o foco nas implicacións humanas, sociais e éticas da intelixencia artificial.
A xornada contará coa participación de perfís diversos que achegarán miradas complementarias:
- Sabela López Pato, investigadora e divulgadora centrada na relación entre tecnoloxía e sociedade;
- Raúl Ordóñez (Jaspeante), comunicador especializado en divulgación dixital; e
- Juan Enciso Pizarro, experto en intelixencia artificial aplicada á educación.
A organización subliña a importancia de descentralizar este tipo de iniciativas, defendendo que o medio rural non pode quedar á marxe das transformacións que están a definir o presente. Neste sentido, o foro preséntase tamén como unha oportunidade para reducir a fenda dixital e fomentar unha participación máis ampla e crítica na evolución tecnolóxica.