martes. 08.07.2025
El tiempo

Fina Paulos e Óscar Rey levan as súas experiencia co uso da IA á Escola de Verán AIHUB 2025

Fina Paulos e Óscar Rey levan as súas experiencia co uso da IA á Escola de Verán AIHUB 2025

A prestixiosa Escola de Verán AIHUB 2025, organizada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación “la Caixa”, contou coa participación de Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo como poñentes convidados dentro do itinerario "Educando en IA". A súa intervención tivo lugar o xoves 3 de xullo no taller titulado "Un manual escolar para a ensinanza da intelixencia artificial".

Durante a sesión, Paulos e Rey compartiron a súa ampla experiencia no uso da Intelixencia Artificial en contornos educativos reais, especialmente na materia Intelixencia Artificial para a Sociedade e en Educación Dixital, materias que imparten no IES Maximino Romero de Lema de Baio. A súa proposta educativa destaca pola integración da IA en proxectos comunitarios, onde o alumnado desenvolve solucións reais a retos sociais como a creación de sistemas de comunicación para persoas con parálise cerebral ou aplicacións para persoas con Alzheimer, exemplificando o potencial transformador da tecnoloxía na escola pública.

Así mesmo, presentaron os dous libros de recente publicación (Intelixencia Artificial para a sociedade e Inteligencia Artificial en el aula) nos que recollen metodoloxías, exemplos de boas prácticas e recursos aplicables na aula para introducir a IA dun xeito ético, crítico e inclusivo.

Tamén deron conta da intensa actividade formativa que están a levar a cabo para o profesorado galego a través de cursos oficiais, obradoiros e formacións específicas, contribuíndo á alfabetización dixital e á implantación responsable da IA no ensino e na sociedade.

A súa participación na Escola AIHUB 2025 posiciona a Galicia como referente no ámbito da innovación educativa con IA, resaltando o papel clave do profesorado na construción dunha intelixencia artificial ao servizo das persoas e da equidade.

A Escola AIHUB 2025, celebrada en Zaragoza entre o 30 de xuño e o 4 de xullo, reuniu a expertos internacionais en IA, docentes e investigadores para debater sobre os retos éticos, pedagóxicos e tecnolóxicos da IA no ensino, nun evento que combinou conferencias, paneis de debate e talleres prácticos.

Comentarios