Despois de 8 anos documentándoa, Drew Corme lanza unha web informativa sobre o Mar de Ardora
Despois destes últimos máxicos veráns, facía falta un espazo na rede de corte informativo sobre un dos fenómenos naturais máis impactantes do mundo. O Mar de Ardora leva anos colleitando portadas nos medios e nas redes sociais, pero resulta ás veces compllicado atopar como poder gozalo. Para democratizar esa sabedoría e achegala ao veciño ou ao visitante, Drew Corme vén de lanzar un portal informativo: mardeardora.net.
O cormelán Andrés García, o fotógrafo que hai detrás da marca Drew, leva dende 2018 (a súa primeira experiencia máxica foi por casualidade cazando a vía láctea dende Mar de Fóra) documentando este fenómeno naltura das costas galegas. Atento cada noite de verán a ver se esta podía ser a noite ideal en Carnota, en Rebordelo, na Ermida, en Estorde… Moitas noites sen durmir, moitos quilómetros percorridos en balde… pero tamén moita satisfacción de estar vendo un espectáculo único.
O seu traballo constante nestes anos permítelle ser a este tamén formador Starligh, un dos meirandes especialistas neste fenómeno, por iso recomendamos estes espazo que ofrece as explicacións científicas de por que esta bioluminiscencia, que condicións a favorece, unha inmesa galería de fotos e vídeos (que tamén temos gozado en QPC) e como se poden gozar na práctica.
”É un proxecto feito dende aquí, na Costa da Morte, despois de 8 anos documentando o fenómeno, intentando explicalo dun xeito claro e con base real (non só fotos bonitas), e do que podemos dicir que non hai nada parecido en Galicia nin en España”, cóntanos. “Creo que pode ser algo interesante para contar, porque ao final é un fenómeno moi noso e que está collendo cada vez máis interese, incluso fóra da Costa e de Galicia”.