Estabilizados os tres incendios de Ponteceso tras arrasar preto de 500 hectáreas
Espertamos nesta mañá de luns con boas novas. A Consellería de Medio Rural informa de que os tres fortes incendios rexistrados esta fin de semana, así como o foco que xurdía no mediodía do domingo en Cores, están “estabilizados”.
A remisión do vento e a numerosa presenza de medios antiincendios permitiron finalmente controlar uns incendios que comezaban de forma fortuita (por unha explosión un cable de alta tensión) pero que se foi expandido azuzado polo nordés, e polos novos focos provocados por algún desalmado.
O primeiro incendio, o da parroquia de Cospindo, xurdía ás 16:00h da tarde do sábado nos montes entre O Couto e Balarés. Mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 12 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión. E finalmente o lume afectou a 200 hectáreas, antes de considerarse estabilizado na tarde do domingo arredor das 19:00h. A esa hora tamén se anunciaba que quedaba estabilizado outro foco provocado en Cores.
Ás 23.32 de onte deuse por estabilizado o incendo que afectaba á parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 15 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 11 avións.
E xa ás 00.01 desta madrugada de domingo a luns, os axentes conseguían estabilizar o da parroquia da Graña, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 16 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 8 helicópteros.
Remata así unha fin de semana de inferno, de fume por toda a comarca (chegou ata Muxía), e de tensión nunha vila de Corme que quedaba rodeada e tiña que saír da vila escoltada pola Garda Civil entre o fume coas estradas pechadas durante moitas horas, e coa veciñanza cargando as cisternas e os tractores de auga para axudar nas labores de extinción.