domingo. 03.08.2025
El tiempo

Máxima tensión en Ponteceso por mor de 3 incendios forestais que xa superan as 220 hectáreas

  • Última hora [8:30h]: Ao longo da noite o lume extendeuse por 3 zonas diferentes, manténdose activo o primeiro lume de O Couto, na parroquia de Cospindo, xa superando as 150 hectáreas arrasadas; pero tamén outro incendio na parroquia de Brantuas (50 hectáreas) avanzando cara Corme e outro na parroquia da Graña (máis de 20 ha). 

 

Incendio do Couto-Balares 1 noite
O incendio mantíñase activo durante a noite
Máxima tensión en Ponteceso por mor de 3 incendios forestais que xa superan as 220 hectáreas

Tarde, e noite de máxima tensión na zona de Ponteceso. O que comezaba na tarde do sábado, sendo un incendio por unha explosión dun cable de alta tensión, a primeira hora da mañá do domingo xa se convertiu en 3 lumes diferentes nas parroquias de Cospindo, Brantuas e A Graña.

Relatamos o proceso:

O comezo do incendio, no Couto

Arredor das 16:00h unha explosión nunha liña de alta tensión provoca un apagón na zona, e xusto no momento un incendio forestal. O primeiro foco rexistrábase enriba da rotonda do Couto cara Balarés e Corme, e dende aí foi tirando cara o sur azuzado por un tremendo vento do nordés con refachos de preto de 75km como os rexistrados na estación de Camariñas, un dos máximos da xornada en toda Galicia.

Incendio do Couto-Balares 2
Primeiros momentos do incendio dende a recta do Couto
Incendio do Couto-Balares dende a praia
O incendio dende a praia de Balarés

De contado, xa antes das 18:00h, por mor do fume e da posible propagación do lume, os efectivos de emerxencias desaloxaban varias vivendas en Balarés, e a todas as persoas que estaban no areal, usando unha pista dirección Corme. Coches que tiñan que saír despois pola estrada de Brantuas, sen poder atravesar a estrada que une Corme e Ponteceso.

Incendio do Couto-Balares Camino de Corme pola pista
Os bañistas tiveron que desaloxar a praia por unha pista cara Corme

O 112 mobilizaba para a súa extinción unha boa marea de efectivos: 1 técnico, 8 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.. Pero co vento non daba feito, e ás 20:00h a Consellería de Medio Rural informaba de que o incendio seguía activo e xa se superaban as 55 hectáreas. 
O fume e o cheiro pasaba de Muxía cara o sur.

Incendio do Couto-Balares Garda Civil
A Garda Civil vendo os efectivos antiincendios dende o mesmo lugar do Couto

Varios focos

Incendio do Couto-Balares noite dous focos
Os dous focos do incendio visto de Anllóns

A cousa non quedaba. Se ben o primeiro pareceu fortuito, pola tarde xurdía estranamente un novo foco na agra do Couto, pero foi controlado, e pasadas as 21:00h sumábase un segundo foco na zona de Brantuas, poñendo en perigo vivendas da zona de Faro ou Niñóns, pola forza do vento.

Incendio do Couto-Balares 1Agra
Incendio na Agra do Couto

Os efectivos seguiron traballando pola noite, mentres por toda esa zona do norte de Ponteceso estaba pendentes do que pasaba. Mesmo o Concello de Ponteceso puxo a disposición o pavillón de Corme para as persoas desaloxadas ou os visitantes que durmían en autocaravanas..

3 incendios

A cousa complicouse moito pola noite, por mor do vento, Medio Rural vén de facer repaso ás 8:30h. O lume inicial da parroquia de Cospindo segue activo e xa leva 155 hectáreas arrasadas. 

Medio Rural xa explica que o lume orixinado ás 20:30h pola zona de Brantuas, segue activo e xa suma 50 hectáreas arrasadas.

Á media hora rexistrouse un novo foco, na parroquia da Graña, e xa son máis de 20 hectáreas arrasadas.

Seguiremos actualizando. Polo de pronto agradecemos a todas as persoas que nos enviastes fotos e vídeos, para que poidamos ir contando a situación.

Incendio do Couto-Balares 1
Casas ameazadas
Incendio do Couto-Balares estrada ninons
A estrada de Niñóns
Incendio do Couto-Balares 3
Imaxe dos primeiros momentos do incendio do Couto

Comentarios