A nova edición de Rutas de Historia visitará o Monte Branco
Rutas de historia é un proxecto que trata de poñer en valor o patrimonio de Galicia. Coordinada polo portal Historia de Galicia (www.historiadegalicia.gal) de Xurxo Salgado, e coa colaboración de entidades como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo ou Colectivo Capitán Gosende, anuncia unha nova tempada de primavera viaxes, propoñendo catro roteiros que percorrerán o sur de Pontevedra, a cidade de Vigo, o corazón do Sil e a costa de Ponteceso.
As andainas terán lugar o 25 de abril, 16 de maio, 6 e 20 de xuño. Todas elas desenvolveranse en horario de mañá, agás a do Preguntoiro que rematará a media tarde, cunha duración que vai das tres ás oito horas segundo o percorrido e a dificultade. Como é habitual, estarán guiadas por especialistas —arqueólogos, escritores, divulgadores e científicos— que contextualizarán historicamente cada parada.
O 25 de abril visitarán co divulgador Perfecto Ramos o concello de Crecente, Lugo, para percorrer o sendeiro Sendelle-Angures, e afondar no berce de familias reais, contrabandistas e líderes revolucionarios republicanos.
O 16 de maio, da man do escritor e director de Xerais Marcos Calveiro, farán un percorrido urbano polo Vigo obreiro da nena Begoña Caamaño.
O 6 de xuño, os arqueólogos Xurxo Ayán e Sonia Rodríguez amosarannos os traballos no Preguntoiro. na procura de restos eremíticos na Ribeira Sacra.
E a última cita, a do 20 de xuño, será por Ponteceso, onde Vidal Romaní ofrecerá unha visión xeolóxica do noso país, arredor da espectacular duna trepadora do Monte Branco —a máis alta de Europa— e a desembocadura do río Anllóns. A ruta remata na praia de Balarés, coñecida polas súas concentracións de minerais pesados.
Inscrición
As persoas interesadas deberán levar roupa e calzado axeitados, así como comida e bebida nos roteiros de maior duración. A inscrición realizarase previamente a través da páxina web do proxecto: www.rutasdehistoria.com.