Ponteceso consegue outro investimento autonómico para a dixitalización do sistema de abastecemento
Pouco a pouco, o Concello de Ponteceso vai rascando axudas da Xunta. Desta volta, o Concello conseguiu 190.000 euros no marco do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga impulsado polo Goberno galego. A actuación permitiu mellorar o control e a xestión do sistema municipal de abastecemento mediante un investimento de case 190.000 euros.
A delegada explicou que os traballos realizados no municipio incluíron a instalación de sensores intelixentes, sistemas de telecontrol e plataformas avanzadas de análise de datos que permiten monitorizar de forma continua parámetros como os caudais, os niveis dos depósitos, a turbidez ou o cloro da auga, así como o consumo enerxético das instalacións.
As actuacións desenvolvéronse sobre o sistema municipal de abastecemento, integrado por tres captacións —unha superficial no río Anllóns e dúas subterráneas—, dúas estacións de tratamento de auga potable (ETAP) e catro depósitos de almacenamento e regulación. En total, implantáronse sete puntos de rexistro e control distribuídos entre as captacións, as plantas de tratamento e os depósitos de Anllóns, Tella, Couto e Corme.
A maiores, o proxecto incorporou as plataformas dixitais do Centro de Xestión de Datos Local (CXDL) e do Centro de Xestión de Datos Autonómico (CXDA), que permiten recompilar, integrar e analizar toda a información procedente das infraestruturas hidráulicas municipais nun único sistema de xestión. Deste xeito, os responsables do servizo poden acceder en tempo real aos datos de funcionamento da rede e tomar decisións baseadas en información actualizada e precisa.