Ponteceso busca unha nova Casa do Maior para a Casa Reitoral de Corme
Ponteceso conta xa con varias casas do Maior, esa solución que a Xunta de Galicia está ofrecendo aos concellos, esquivando as súas responsabilidades e poñendo a dependencia en mans de concellos e persoas autónomas. Unha solución, en todo caso, válida e efectiva, que permite que unha profesional coide de 5 maiores como un mini centro de día, favorecendo por un lado o emprendemento, e polo outro a conciliación e os coidados.
Nese camiño, xa con 2 Casas na Casa dos Veciños do Couto, e outra en A Campara, o concello busca unha cuarta, neste caso para Corme. Para iso, o Concello necesita un local, e para conseguilo mantivo unha reunión co ecónomo do Arcebispado de Santiago para pechar a cesión da Casa Reitoral de Corme ao Concello, nun encontro no que estiveron presentes o alcalde, José Manuel Mato, o tenente de alcalde, Constantino Fernández, o párroco de Pazos, Don Manuel García, e representantes do Arcebispado.
Esta cesión supón un paso fundamental para que o Concello poida optar á creación dunha nova Casa do Maior en Corme, un proxecto destinado a reforzar os servizos de atención e coidado das persoas maiores da localidade.
A disposición dun inmoble adecuado era un dos requisitos imprescindibles para poder presentar a candidatura cando se publique a correspondente convocatoria. Con esta cesión, o Concello entra xa nunha segunda fase do proceso, abríndose a vía para que Corme poida converterse en candidato a albergar unha nova Casa do Maior.

