Unha nova senda peonil para unir Corme Aldea e Corme Porto
Recibiu onte o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, a visita da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, para falar de sendas.
Visitaron a senda peonil executada no lugar de Pazos ao abeiro do Plan Hurbe e a zona onde está prevista a construción dun novo itinerario peonil na estrada AC-424, en Corme.
A senda de Corme conta cun proxecto vén de ser aprobado provisionalmente polo Consello da Xunta do pasado 11 de maio e que contará cun investimento de preto de 565.000 euros, e permitirá conectar mediante un itinerario peonil seguro os núcleos de Corme Aldea e Corme Porto, principal centro de servizos da zona.
A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 6+630 e 7+356 da AC-424 e permitirá habilitar unha senda de 685 metros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada, enlazando coa senda peonil xa existente ata Corme Porto.
O novo itinerario contará cun ancho superior aos dous metros e pavimento en cor terrizo, incorporando ademais unha nova beiravía de medio metro ao longo de todo o percorrido. Entre os puntos quilométricos 6+728 e 7+356 executarase tamén unha cuneta previa á senda para mellorar a drenaxe e a seguridade da infraestrutura.
O proxecto inclúe igualmente a construción dun muro de contención de formigón armado nas proximidades do punto quilométrico 7+120 para minimizar as afeccións a unha vivenda existente e reducir os movementos de terras necesarios para a execución da obra.
Ademais, prevese a pavimentación dos accesos e entradas ás propiedades que atravesan o novo itinerario, a execución das actuacións de drenaxe necesarias e a preinstalación das canalizacións para futuras redes de telecomunicacións e abastecemento.