Suma en Ponteceso: valorar o presente para que haxa futuro
Dende a Asociación de Empresarios de Ponteceso, Cabana e Laxe levan xa algúns meses “sumando en Ponteceso”, desenvolvendo unha campaña que ten un obxectivo claro: poñer a mirada nas empresas e nos profesionais da contorna. Elas foron as primeiras en apostar por quedar e loitar polo futuro da zona. Con que recursos conta Ponteceso?
Son moitos os negocios que forman parte da asociación e só unha parte formaron parte da campaña durante este ano. Queda tempo para seguir coñecéndoos e dándoos a coñecer. Poñer en valor o seu traballo é necesario para que a xente nova teña un espello no que reflexarse.
Para alguén de fóra da Costa da Morte seguro que non resulta doado crer que en Ponteceso hai unha libraría que vende máis libros que xornais; durante o inverno aos seus veciños e no verán tamén para os viaxeiros que fan parada na vila. Que hai unha peixería que garante calidade e cercanía, pero na que non podes despistarte porque se deixas pasar tempo de máis, xa o vendeu todo a través do Whatsapp.
Hai historias de xente que volveu de Suíza e creou, por exemplo, unha tinturaría que continúa aberta. Ou a dunha familia, nai e filla, que xestionan unha tenda –xoguetería, decoración e menaxe– e que pensan seguir xestionándoa moitos anos; a seguinte xeración non ten intención de marchar a ningures.
Na parafarmacia ou na óptica regalan as recomendacións. Saben que nos lugares pequenos importan tanto a rendibilidade como a relación cos veciños. Na ferretería, non busquedes ao “encargado”. Porque as encargadas son dúas mulleres, dúas irmás, que se gañaron o cariño e o respecto da xente de Ponteceso e arredores co traballo que comezaron a facer nos anos noventa.
A proba de que é un lugar que mira cara o futuro é que se pode atopar unha empresa que crea páxinas web ou tendas de comercio electrónico dende aquí. A través da rede podemos conectar Ponteceso con calquera parte do mundo. Senón que llo digan a quen, dende a Costa da Morte, vende coches aos seus veciños pero tamén a calquera persoa de Galicia ou de fóra que contactan con el a través de Internet.
Estas son só algunhas das aprendizaxes dunha campaña que se desenvolveu, sobre todo, a través de Facebook, conseguindo que moita xente en Ponteceso e na Costa da Morte puidera coñecer e apostar polas empresas que forman parte da Asociación de Empresarios de Ponteceso, Cabana e Laxe. Os vídeos de #SumaenPonteceso están todos dispoñibles na súa canle de Youtube.
O obxectivo estará conseguido se a mirada continúa posta nos negocios de Ponteceso. Aquí antes que “clientes” hai “veciños”, unha rede de persoas que cómpre que, entre todos e pouco a pouco, coidemos e fagamos máis forte.