O trío costeiro Alana toma Xenebra
Experiencia maiúscula para o trío Alana. Antía Vázquez (Oleiros), Pablo Castro (Vimianzo) e Eloy Vidal (Corme) atravesaron por segunda as nosas fronteiras para tomar o escenario da Salle Communale d'Onex de Xenebra. Ante un aforo de arredor de 300 persoas, a maioría galegas e galegos na diáspora, ofreceron cancións súas como 'Liñares', 'Foliada de Negreira', 'Cantares de Camariñas', 'Dorinda de Xacobe', 'Dolores Castiñeira' ou 'Delfina de Añobres'.
Un dos momentos épicos da noite sucedeu cando subiron a cantar 'Consuelo de Muiñeira' con Kike Varela, DJ que fixo un remix deste tema.
"Para nós foi algo tremendamente especial e marabilloso que levaremos no corazón toda a vida. Non coñeciamos esta cidade, neste país que tanto nos deu ás galegas e aos galegos, e a verdade é que polo pouquiño que puidemos ver nos está encantando. Grazas á Irmandade Galega en Suíza por convidarnos e tamén a todas as persoas que bailaron e cantaron con nós. De verdade que nunca esqueceremos este 15 de novembro de 2025", dixeron ao remate do seu concerto.
Logo do concerto, o alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez, que acudiu á Salle Commonale d'Onex expresamente a ver a Antía, Pablo e Eloy, quixo departir un anaquiño con elas.
Dá a casualidade que Gómez é natural de Corme, o mesmo lugar de nacemento que Eloy Vidal, un dos integrantes de ALANA.