A música de Alana e cine ao aire libre para Verán Cultural carballés

Continúa o Verán Cultural carballés dándolle vida a estas noites de calor, e desta volta con música e cine ao aire libre.
Así, o venres 8 de agosto un dos grupos revelación en Galicia, Alana, composto por tres músicos bergantiñáns: Antía Vázquez (voz e pandeireta), Eloy Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusión e gaita) presentan o seu primeiro disco O xeito á cantigha. A música tradicional mesturada con ritmos de base electrónica e pop é un dos seus sinais de identidade, xunto coa posta en valor das recollidas a moitas mulleres e homes que desinteresadamente contribúen a preservar a riqueza da nosa música.
A súa proposta baséase nestas recompilacións, buscando dotarlles dun son novo e moderno sen perder a conexión coa cultura tradicional. Alana é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile. No seu primeiro ano de vida foron os gañadores do Premios Xuventude Crea na categoría de música. A cita é na Praza do Concello a partir das 22.30 horas, de balde. Colabora con esta cita a Deputación da Coruña.
Cinema ao aire libre
Esta semana tamén contamos con dúas sesións do ciclo Noites de Cine e hai que lembrar que en agosto, as sesións xa teñen lugar media hora antes. Onte comezaba a semana en Chorís coa proxección da comedia familiar Amigos imaginarios.
Hoxe, xoves 7 de agosto Sísamo acolle a proxección da comedia El hotel de los líos. García y García 2. Despois de facerse cargo dun hotel deteriorado, comprado por erro nunha poxa a un prezo exorbitante, os dous Javier Garcías embárcanse nunha nova aventura, esta vez axudados, para o seu descoido, por un grupo de nenos superdotados aloxados no hotel para asistir á Final Nacional de Talentos. Con Pepe Viyuela, Paz Padilla ou José Mota. A cita comeza ás 22.00 horas e o filme está recomendado para todos os públicos. A duración aproximada da proxección é de 90 minutos. Colabora a AAVV Santiago Apóstolo de Sísamo.