A banda costeira Paracetafolk prepara o lanzamento do seu novo EP “NUS”

Paracetafolk ao remate do concerto en Santa Comba

Novas chega dende a banda costeira Paracetafolk. Hai apenas 7 meses que os descubríamos, pouco despois recibiron un Premio Martín Códax á Mellor Banda Emerxente, e este vindeiro mes de novembro van lanzar o seu novo EP.

Así é o novo disco NUS de Paracetafolk

Titulado “NUS”, chega con 4 temas, en homenaxe a un grupo folk que existiu hai anos, plagado de talento, pero que non chegou a publicar ningún disco. Este traballo reimaxina unhas vellas maquetas que nos cederon os seus membros orixinais, aportando o toque distintivo de Paracetafolk.

Se ben aínda teremos que esperar para gozar dos temas, houbo quen tivo sorte e xa palpou a maxia folqueira da banda, porque o pasado sábado 25 de outubro tivo lugar en Santa Comba o concerto de presentación anticipada onde non só se presentaron as catro pezas que contén este disco, ademais doutras do repertorio de Paracetafolk, senón que tamén se puxeron á venda (só 5€) unidades físicas do EP. A primeira tirada de discos vendeuse ao completo, e xa case está adxudicada a segunda (en preparación), antes incluso de ter data de publicación nas plataformas dixitais.

Tocará estar atento para gozalas.

Máis novas