Paracetafolk, escollida como Mellor Banda Emerxente nos Premios Martín Códax da Música Galega 2025

Coñecíamolos hai apenas un par de meses, pero están que ferven. A banda costeira Paracetafolk vén de ser recoñecida como a Mellor Banda Emerxente de Galicia neste 2025 na Gala da XII edición dos Premios Martín Códax da Música.
Tras coñecer aos finalistas, a Gala dos que veñen sendo “os Grammys da música galega contemporánea”, celebrouse onte no Pazo da Cultura de Pontevedra Organizada por Músicas Ao Vivo, co apoio de Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, premiou os 19 proxectos máis singulares deste 2025, escollidos nun 50% polos votos do público e noutro 50% polo xurado formado por socios de Músicas ao Vivo
A Gala arrincaba ademais en clave de regueifa, da man da regueifeira Lupe Blanco e Xisco Feijoo, que dirixiron o emotivo evento. Espectacular estaba a nosa bergantiñá con dous da colección ‘Mitra’, de Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, na que o encaixe de Camariñas é protagonosita. “Quería levar algo que representase o meu traballo e a miña zona e pensei no encaixe de Camariñas, o Concello ensinoume o vestiario e gustoume esta colección”, explicou Lupe

Subiu o xalleiro Adrián Suárez a recoller o premio, pero o seu discurso quedara nun teléfono sen batería. Con todo, hoxe, co máis calma, o zaseiro Anxo Mourelle, cóntanos como reciben este recoñecemento:
"Recibímolo superilusionados, sobre todo porque non contabamos con el. Xa fora unha sorpresa enorme enterarnos de que nos nominaran, e máis aínda despois vendo que os compañeiros de nominación eran tan bos e tiñan moita máis traxectoria e público. Ademais de levar pouco tempo, ningún dos nosos membros é moi famoso no mundillo e sempre temos que pelexar cada oportunidade", explica.
"Os dous temas que presentamos ao concurso (Debaixos das Cerdeiras, xa publicado, e Varilongo, que se publica mañá día 30 de maio en plataformas) graváronse con moito esforzo, poñendo dos nosos petos para poder ter as nosas primeiras gravacións profesionais, e ver que tras tirarnos á piscina se nos valora o noso traballo fainos estar máis que agradecidos. Agardamos que isto nos logre abrir a porta a mostrarlle o noso xeito de facer música a máis xente en máis lugares de Galicia".
