sábado. 15.03.2025
El tiempo

Paracetafolk, a nova banda de música celta da Costa da Morte

ParacetaFolk Costa da Morte musica
Paracetafolk, a nova banda de música celta da Costa da Morte

Sempre nos encanta ir amosando o traballo das bandas costeiras emerxentes. E hoxe facemos parada comarcal, para coñecer a Paracetafolk. Formado por Adrián Suárez Recarey (Santa Comba), Xairo Campos Blanco (Carballo), Brais Varela Alvarellos (Carballo), Ángel Mourelle Abelenda (Meanos, Zas), Tomás Lagoa Blanco (Lires, Cee), Kevin Canosa Martínez (muxián nado en Suiza), Raquel Piñeiro Pereira (Culleredo) e Ángela Pardiñas Ferreiro (Langueirón, Zas), Paracetafolk é unha banda folk que basea o seu repertorio na música tradicional galega.

Nacían en 2024 e e a súa estrea nos escenarios foi na segunda edición das Xornadas Tradicionais de Axio Mouro, en Santa Comba. Tras un paseo por diversas foliadas para dar a coñecer algúns petiscos do repertorio do grupo, na primavera de 2024 terían lugar as actuacións na Axeigada (Rábade), a Foliada das Letras (Santiago de Compostela), o Manguelo Folk (A Estrada) e o Festival de Pedras Miúdas (Lires). Tamén con aparición en Buño (Un Mar de Letras) inicialmente planificado en celebración das Letras Galegas, pero que por inclemencias metereolóxicas se movería ao mes seguinte.

A base de bolos van creando un repertorio variado e cun claro toque diferenciado: arranxos e composicións propias, e mesmo algunha peza que mestura o tradicional con pop-rock para sorprender ao público.
A finais de curso publican o seu primeiro sinxelo, a Mazurca de Langueirón, cantada por Ángela pouco antes de formar parte intrínseca do grupo.

Este 2025 inicia coa publicación de Debaixo das Cerdeiras, un sinxelo que xa conta cunha grabación nun estudo profesional como é a Escola da Rúa, en Carballo. Este sinxelo é un tema instrumental que se basea nunha cántiga de amor popular ucraniana, lentiña e romántica. A primeira parte da peza respecta a melodía orixinal, á que se lle engade a harmonía e unha segunda voz. Despois, o ritmo cambia radicalmente a un ritmo estilo pasodobre onde se constrúe un retrouso tomando unha frase concreta da canción orixinal, sendo todo o demáis que se pode escoitar de composición propia. Destácase na peza a capacidade que teñen as percusións para o ritmo, que é moito máis libre que nos pasodobres tradicionais que se adoita escoitar.

O proceso de creación

A banda non ten influencias moi claras, máis alá de que todo o seu repertorio se basea na música tradicional galega. “O obxectivo principal é quen nos escoita, agás algunha peza concreta, perciba que a gran maioría do noso repertorio só nolo pode escoitar a nós, pois tratamos de interpretar tanto temas pouco coñecidos (ou pouco tocados a nivel de grupos) e temas orixinais.”, explica Ángel, o compositor principal.

Os membros

Adrián Suárez Recarey é o gaiteiro e un dos vocalista do grupo, procedente de Santa Comba. Informático de profesión, ademais de mestre de iniciación de gaita na A.C. Axio Mouro de Santa Comba, sendo ademais membro da súa directiva. Ligado aos grupos musicais xalleiros, tamén colaborou con outras agrupacións como Ximiela, e continúa a día de hoxe a recoller as músicas dos seus arredores.

Xairo Campos Blanco é o Clarinetista e home para todo en PARACETAFOLK. No seu Carballo natal formouse en clarinete e percusión, compaxinando actualmente o Grao Superior de Composición cunha enxeñaría. É tamén titulado no nivel máis alto (8) na Rook School. Participou da Orquestra Sinfónica Terranova, de variadas bandas de música e big bands, ademais de director de coro.

Brais Varela Alvarellos é o cordeonista, carballés e o veterán do grupo. Tras formarse no Conservatorio Superior da Coruña, fixo do instrumento a súa profesión. Ademais de mestre no CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra e a Escola de Música de Oleiros, participa de agrupacións como a Banda Malante de Malpica ou a Banda de Gaitas de Carballo. Tamén resultou premiado en conxuntos coma Seefol (Premio Certame Ponferrada de Acordeón).

Ángel Mourelle Abelenda é o saxofonista e compositor/arranxista de PARACETAFOLK, procedente dunha saga familiar de músicos de Meanos. Graduado Profesional en Saxofón e matemático. Como saxofonista participou da banda de música e big band de Carballo, ademais dalgunha agrupación de saxofóns. Tamén é gaiteiro en grupos coma os Santa Combers ou o dúo Luces de Petromax.

Tomás Lagoa Blanco corre ao cargo da percusión xunto con Kevin, e non precisa gran presentación, pois non hai asiduo ás foliadas que non o coñeza. Ademais de tamborileiro, tamén destaca por ser un gran bailador e gaiteiro. Son numerosos os grupos en que participou: coa gaita/percusión en ARCE Pedras Miúdas de Lires ou Mestura fol, e coa pandeireta en Abaladeiras de Muxía ou Rinchonas de Corcubión. Tamén foi e é Mestre, por exemplo, na AC Adro de Baio, O Son dos Muíños (Toba) ou Bregán de Brens. A maiores, participa da Coral Polifónica Costa da Morte.

Kevin Canosa Martínez é a outra pata da percusión, un muxián nado en Suíza que se incorpora a PARACETAFOLK no verán de 2024 De profesión, mecánico e estudante de informática. Como músico, é mestre de percusión en Abrindo Rejo de Xaviña. Actualmente toca coas agrupacións desta asociación en con Nin Chica nin Patacón, ademais do dúo Luces de Petromax. Ten colaborado con Xiradela, coa Banda de Corme e coa Big Band da mesma localidade.

Raquel Piñeiro Pereira, a violinista do grupo procede de Culleredo e é unha das incorporación máis recentes, incorporándose no último cuadrimestre de 2024. No seu Culleredo natal estudaría o Grao Profesional na especialidade de violín. Participaría da orquestra deste centro e, se ben non exerce como vocalista en PARACETAFOLK, ten experiencia cantando en diversos coros.

Ángela Pardiñas Ferreiro é a última fichaxe do grupo desembarca a finais de 2024 e é unha cantante chegada dende Langueirón (Zas). Ademáis da voz, leva doce anos de experiencia na pandeireta e seis en coro e piano. Enfermeira de formación, participa en agrupacións coma “Churía” de Zas e a banda “Aires do Pinar” de Cabana de Bergantiños .

Máis novas musiqueiras

Comentarios