O BNG de Santa Comba denuncia o penoso estado das instalacións onde adestra o equipo de taekwondo
O BNG de Santa Comba denuncia o "lamentable" estado das instalacións municipais nas que adestra o equipo de taekwondo que "poñen en risco ás persoas usuarias e esixe unha urxente intervención do goberno municipal". O responsable municipal nacionalista, Juan David Sexto, lamenta que o alcalde non escoite á Asociación de Taekwondo e permita que adestren nun espazo en que chove dentro, mesmo cerca das instalacións eléctricas.
"Comprobamos que o estado das instalacións non só é molesto senón perigoso xa que a auga cae dentro mesmo á beira das instalacións eléctricas e iso fai necesaria unha actuación urxente porque outra cousa sería irresponsábel", sinala Juan David Sexto que non entende como o alcalde sigue sen escoitar as peticións da Asociación de Taekwondo que lle solicitaron que puxera remedio a esta situación.
O portavoz nacionalista denuncia que son varios os puntos en que entra a auga na nave na que o equipo adestra, de maneira que molla os tatamis e pode provocar un accidente pola proximidade a enchufes e outras instalacións eléctricas. "O estado é ruinoso e non é só destes días senón que ven de moito atrás, pero o goberno municipal sigue sen escoitar aos pais e nais que trasladaron ao BNG a súa extrema preocupación", di Juan David Sexto que rexistrou unha iniciativa no Concello para urxir a tomar medidas de maneira inmediata.
Denuncia ademais que a discriminación que padece a Asociación de Taekwondo non se limita ao abandono das instalacións se non tamén á negativa do goberno municipal a concederlles a subvención nominativa que se lle dá a todos os equipos do concello.
Abandono das instalacións
Non é a primeira vez que o BNG denuncia o abandono das instalacións de servizos públicos en Santa Comba. Ás reiteradas notificacións polo Centro de Saúde e o centro escolar, sumouse recentemente a crítica polo que definiu como "penoso estado" do ximnasio municipal no que a auga se filtraba por diversos puntos e as máquinas de adestramento estaban en mal estado, con partes rotas que provocaban dificultades para as persoas usuarias. "Cansamos de trasladar ao goberno municipal a urxencia de coidar os espazos que usan as persoas porque este desleixo non só causa problemas á veciñanza senón que tamén pode ser perigoso e é necesario actuar antes de que pase nada", afirma Juan David Sixto que sinala tamén que, despois da intervención do BNG o goberno municipal fixo algunha mellora nas máquinas deportivas "mais falta aínda moito que facer porque as veciñas e veciños de Santa Comba merecen unhas instalacións dignas e non desleixadas e abandonadas que é o que ofrece o goberno municipal".