A maxia que non se apaga: Reis, ilusión e comunidade no Centro Español de Lyss

O día de Reis no Centro Español de Lyss volveu demostrar que a maxia non entende de calendarios nin de dificultades cando hai unha comunidade disposta a crer, a coidar e a compartir. Neste pequeno espazo do cantón bernés que alberga a unha gran comunidade da Costa da Morte, Vimianzo, Santa Comba e Dumbría, a celebración do día de Reis viviuse cunha intensidade especial, cargada de sorpresas marabillosas e dunha emoción sincera que se respiraba en cada recuncho. Desde as primeiras horas da tarde, o ambiente encheuse de expectación. Os sorrisos cómplices, os abrazos, as miradas ilusionadas e o murmurio alegre das conversacións anunciaban que algo grande estaba a piques de suceder. E aconteceu. Os nenos, auténticos protagonistas desta noite máxica, viviron cada instante cos ollos moi abertos e o corazón desbordado de ilusión. Recibiron os seus agasallos entre risas, aplausos e xestos de asombro, acompañados de moitísimas, moitísimas sorpresas máis que fixeron da velada unha lembranza inesquecible.

Ao longo dos anos, a amizade e as colaboracións entre Galicia e Suíza foron tecendo un lazo próximo e sincero, cheo de encontros, proxectos e afecto compartido. Unha unión que este ano se volveu especialmente máxica cando os Reis Magos de Oriente chegaron desde Galicia cos seus mellores desexos para todos, e moi en especial para os nenos, que recibiron os seus agasallos cunha alegría contaxiosa. O rei Melchor estivo representado por Diego Vilas, presidente de Empresarios de Santa Comba; desde Ares chegou Marcos Vidal de Gaspar, e desde O Carballiño, Baltasar tomou forma en Pablo Vázquez, da Pulpería Lolo. Os tres luciron os seus traxes con elegancia e sen perder o porte en ningún momento, asumindo os seus papeis cunha credibilidade e cariño admirables. Grazas a iso, os nenos non só gozaron dos agasallos, senón tamén das súas palabras, risas e dunha experiencia que quedará gravada na memoria como un precioso exemplo de amizade entre terras que, aínda que afastadas, laten moi preto.

Pero esta celebración foi moito máis que unha noite de agasallos. Foi a confirmación de que Lyss é, ante todo, unha gran familia. Unha familia que soubo unirse para dar continuidade a unha entidade que, non hai tanto, parecía estar en perigo de extinción. Grazas ao compromiso, ao esforzo e á ilusión da nova directiva, o Centro Español de Lyss atopou unha segunda oportunidade. Hoxe as súas portas seguen abertas, acollendo a todos os que senten este espazo como propio, como un lugar de encontro, de celebración e de vida compartida. A resposta da xente foi simplemente incrible. Familias chegadas de cada recuncho do cantón bernés déronse cita para compartir esta noite tan especial. Sen dúbida, esta asociación é un punto de unión para toda unha comarca que cre no valor de estar xuntos.

A celebración desta actividade foi unha mensaxe de esperanza, de continuidade e de futuro; Unha proba de que, cando hai unión, agarimo e ganas de seguir adiante, mesmo o que parecía condenado a desaparecer pode renacer con máis forza que nunca. E esa, sen dúbida, foi a maior de todas as sorpresas. A nova directiva do Centro Español de Lyss afronta esta etapa con renovada ilusión e moitas ganas de traballar, asumindo o gran reto de dar continuidade a unha sociedade que, ata hai apenas un par de meses, estivo a piques de pechar por falta de relevo. Encabezada polo seu novo presidente, Javier Ferreiro, de Santa Comba, e formada por Diego de Zas, Soraya, Noa, Janet e Estefanía de Santa Comba, Manu de Carnota, José de Negreira e Johnny de Villa, a directiva asume con forza e tesón esta responsabilidade. Arropados polo apoio dos socios, afrontan un intenso traballo tanto a nivel organizativo como na rexencia do local, ao que cada fin de semana abren as súas portas coa mellor das sorrisos, mantendo vivo un espazo de encontro que senten e coidan como unha gran familia.

Os Reis Magos no Centro Galegho de Lyss con Alejandra Plaza

Máis novas