Santa Comba inicia, cunha visita escolar a Varilongo, un proxecto de recuperación da memoria histórica vinculada ao wolframio
Máis que interesante a visita educativa á histórica mina de Varilongo, na que participaron 80 estudantes do IES Terra de Xallas (Santa Comba) e do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). A iniciativa municipal e do Departamento de Lingua Galega do IES Terra de Xallas, supón o inicio dun proxecto de recuperación da memoria histórica vinculada ao wolframio e constitúe tamén a primeira actividade piloto orientada á posta en valor turística deste enclave mineiro.
Durante a xornada, o alumnado puido achegarse á realidade dos traballos mineiros que marcaron a historia económica e social da comarca, nun percorrido didáctico que combinou divulgación histórica, testemuños en primeira persoa e recursos audiovisuais.
Un dos momentos máis emotivos da visita produciuse co encontro con María Mourelle, de Boaña (Castriz), e María López Mouro, de San Salvador, dúas antigas mineiras de máis de 90 anos que traballaron na explotación durante os anos corenta. Ambas compartiron co alumnado as súas lembranzas dunha etapa marcada pola dureza do traballo nas minas, achegando unha visión directa dun capítulo fundamental da historia local.
A experiencia completouse co visionado do audiovisual Xalleiras en Varilongo, centrado no papel das mulleres no traballo mineiro, e coa participación da escritora xalleira Mari Carmen Caramés Gorgal, autora da novela La casa de la mina, inspirada na contorna da antiga explotación.
Ao longo da actividade, os estudantes tiveron tamén a oportunidade de formular preguntas e reflexionar sobre o pasado mineiro da zona, nunha xornada que combinou memoria, historia e aprendizaxe. Tras a visita á mina, o grupo desprazouse ata O Ézaro, onde compartiron unha merenda e unha visita á contorna.