200 mulleres de toda a provincia compartiron experiencias sobre visibilidade e poder no Foro ‘Alza Voz de Muller’
O encontro, que se está a celebrar na Casa da Cultura de Vimianzo, reafírmase como un espazo clave para impulsar o liderado feminino no rural
O II Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza Voz de Muller” celebra este sábado a súa segunda e última xornada na Casa da Cultura de Vimianzo cunha ampla programación e con relatoras de gran impacto afondando en cuestións prácticas como a participación política, a visibilidade, as barreiras estruturais no emprego e no emprendemento, así como a creación de redes de apoio entre mulleres.
Tras a xornada do venres, centrada na consciencia e no impulso do talento feminino, o foro continuou no seu segundo día cunha elevada participación, xa que reúne unhas 200 mulleres de diferentes puntos de toda a provincia.
A xornada arrincou cunha mesa de diálogo na que, baixo o título “Facer política sendo Muller: poder, exposición e responsabilidade”, se abordaron os retos e oportunidades da presenza feminina nos espazos políticos.
Belén do Campo, Delegada provincial da Xunta de Galicia; Patricia Iglesias, Parlamentaria do Grupo Socialista en Galicia; e Mercedes Queixas, Deputada do Parlamento de Galicia polo BNG; interviron nesta mesa de diálogo e na que coincidiron na necesidade de seguir avanzando cara unha representación máis igualitaria e a importancia de visibilizar os referentes femininos.
As poñencias continuaron ao longo da mañá da man de Gemma Fillol, Consultora de marca persoal e comunicación estratéxica; e Nuria Robleño, creativa e emprendedora. As dúas ofreceron ferramentas prácticas e reflexións de fondo ao redor do liderado e da proxección profesional.
Obradoiros experienciais
A programación continuou pola tarde coa mesa de diálogo “O sistema non é neutro: barreira invisibles no emprendemento e no emprego” na que participaron Eva López Barrio, Responsable do Programa Woman Emprende; Rosa Arcos, Promotora e Socia Fundadora de FADEMUR; e Patricia Vilán, Secretaria Xeral da FEGAMP.
A programación completouse con tres obradoiros experiencias, nos que as asistentes traballarán de maneira práctica cuestións como o inicio de proxectos, a sostibilidade persoal e económica, ou a toma de decisións na carreira profesional.
Terceira edición
A sesión de clausura, da que se encargou María José Pose, Concelleira de Benestar Social, Sanidade, Igualdade e Atención Cidadá do Concello de Vimianzo, serviu para anunciar a continuidade do proxecto así como a data de celebración da terceira edición. “Alza Voz de Muller vai moito máis alá dun evento. Alza Voz de Muller xa é un movemento que non pode e que non debe parar, especialmente agora que estamos nun contexto no que posicionarse, nomear, visibilizar e alzar a voz é máis importante e
urxente que nunca”, sinalou a María José Pose durante a súa intervención.
A responsable municipal confirmou que a terceira edición do foro celebrarase os días 16 e 17 de abril de 2027 en Vimianzo.
Con esta nova convocatoria, “Alza Voz de Muller” dá un paso máis na súa evolución como movemento que trascende o formato de evento puntual para converterse nunha platarforma de impulso, conexión e transformación social no ámbito rural.
Máis novas