“A academia de violadores”: Cando o sistema ensina, valida e normaliza a violencia
Aínda que algúns o sigan negando é evidente e profundamente incómodo recoñecer que a violencia contra as mulleres non é unha anomalía, senón unha estrutura que se repite, se adapta e se expande. A investigación da CNN sobre esa chamada “academia de violadores” volve poñelo de manifesto con toda a crueldade. Homes de distintos países intercambiaban en chats privados instrucións para drogar, violar e abusar das súas parellas: doses de sedantes, métodos de administración, técnicas para gravar agresións sen ser detectados e estratexias para evitar consecuencias legais. O máis perturbador non é só o contido, senón o que revela a escena completa: que a violencia non aparece como impulso illado, senón como aprendizaxe compartida, validada e incluso celebrada por outros homes.
Durante moito tempo quixeron facernos crer que a violencia contra as mulleres era unha desviación, un exceso, unha excepción atribuíble a homes concretos, a perfís patolóxicos ou a situacións límite, pero o que está saíndo á luz unha e outra vez en distintos países desmonta totalmente ese relato interesado. Vemos patróns que se repiten, se conectan e se sosteñen nunha cultura máis ampla de dominación masculina. O que cambia agora non é a violencia en si, senón a súa forma de organización: dixital, transnacional, normalizada e, en moitos casos, monetizada.
Un dos aspectos máis alarmantes desta noticia é que non falamos só de agresións, senón de pedagoxía da agresión. Eses grupos funcionan como espazos onde a violencia se ensina, se afina e se lexitima colectivamente. Estamos ante un ecosistema dixital e cultural que amplifica mensaxes de dominación, deshumanización e dereito sobre os corpos das mulleres.
A chamada machosfera ou manosfera non inventa o patriarcado e o machismo, pero amplifica os seus mensaxes máis agresivos, os organiza en comunidades e facilita que as agresións circulen con toda a complicidade. Neses espazos, a muller deixa de ser suxeito e convértese en corpo dispoñible, en contido, en obxecto de uso e intercambio.
Porque cando unha agresión se comparte, a responsabilidade dilúese. Cando se celebra en grupo, a culpa desaparece. Cando se repite en canles dixitais con miles de usuarios, a violencia convértese en parte dun ecosistema que a normaliza e a fai circular como se fose unha mercancía máis. Nese paso da agresión ao mercado, o corpo das mulleres deixa de ser visto como unha vida que merece coidado e pasa a funcionar como recurso explotable.
E cando o corpo das mulleres pasa a ser materia compartida, gravada, vendida ou comentada, o impacto é devastador para elas: destrúese a súa integridade, a súa saúde física e mental queda marcada de por vida, e a confianza básica na vida cotiá se rompe. Pero iso non remata aí: tamén corrómpese o tecido social, porque normalizar esa deshumanización significa aceptar que algúns corpos —os das mulleres— poden tratarse como obxectos de uso público.
Unha das partes máis perturbadoras é que moitas destas violencias non chegan desde fóra, senón desde espazos nos que debería existir confianza: a parella, o fogar, a contorna próxima. Iso cambia por completo a forma de entender o perigo. Porque a vítima non sempre ve a ameaza como algo evidente; ás veces está diante de alguén co que comparte a casa, a cama, a vida ou a rutina. Xa o vimos no caso Pelicot, en Francia, que puxo sobre a mesa ata que punto a confianza íntima pode ser convertida en escenario de violencia extrema.
Precisamente por iso non podemos quedar só na indignación. Cómpre mirar o ecosistema que fai posible que isto exista: canles dixitais, grupos privados, comunidades de validación, linguaxes de desprezo e unha cultura que segue educando a moitos homes na idea de que teñen dereito ao corpo das mulleres. A tecnoloxía non inventa esa violencia pero multiplica a súa capacidade de expansión, organización e permanencia. O que antes podía quedar nun ámbito máis reducido hoxe circula entre miles de usuarios, viaxa entre países e pode mesmo transformarse en mercado.
Por iso non so debemos preguntarnos como puido pasar.
A pregunta é como seguimos chamándoo excepción cando o que vemos, unha e outra vez, é repetición.
A pregunta é como seguimos falando de casos illados cando o patrón se repite en distintos países, en distintas linguas e en distintas plataformas.
A pregunta é como seguimos actuando coma se isto fose un desvío e non unha forma máis de funcionamento dun sistema que continúa tolerando, explicando e, demasiadas veces, minimizando o negando a violencia masculina contra as mulleres.
O verdadeiramente aterrador non é só que existan homes capaces de facer isto. É que existan tantos espazos para aprendelo, tantas redes para compartilo e tanta impunidade para repetilo. E mentres sigamos chamando anomalía ao que en realidade é estrutura, seguiremos mirando mal o problema. Porque a violencia contra as mulleres non está fóra do sistema: é unha das maneiras nas que o sistema se sostén.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.
Máis contidos no Podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Se todo empodera, nada empodera
- Corpos en vixilancia: cando o “autocoidado” é outra forma de control
- Os Coidados no centro. No centro de que?
- Cando a nostalxia intencionada intenta reescribir a historia
- A arquitectura da impunidade
- Cando o dixital deixa de ser un lugar seguro
- Deepfakes, control e silencio: a violencia que busca expulsarnos
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.