Comezan as obras do novo treito do Corredor, que non estará listo ata 2029
Novo paso para a AG55. A meirande tomadura de pelo da Xunta de Galicia á Costa da Morte continúa avanzando a pasos de tartaruga. A infraestrutura, prometida en 2002, e cuia primeira pedra se instalou en 2008, segue con menos da metade do trazado executado.
Este venres tivo lugar un novo fito, porque parece máis rentable politicamente ir facendo pequenas inauguracións durante décadas que ter a insfraestrutura lista nun tempo decente.
Unha completa comitiva autonómica, e apoiada por numerosos alcaldes da bisbarra, anunciaba o comezo das obras do novo mini treito do Corredor (xa non autovía, por moito que se empeñe a Xunta en anunciar así a súa denominación) Costa da Morte.
A nova actuación na AG-55 abrangue un total de 5,8km, desde Santa Irena ata a conexión coa estrada autonómica AC-532 que une Vimianzo e Camariñas, cun percorrido que transcorrerá na súa totalidade por Vimianzo. A obra require un investimento de 32 millóns de euros, e as obras terán un prazo de execución de 36 meses. É dicir, a previsión inicial é que estes 5km estean listos en verán de 2029, máis de 20 anos despois do comezo das obras da vía.
Unhas obras que non inclúen a ligazón co polígono empresarial de Vimianzo, e que segue esperando polo treito que une Vimianzo e Berdoias (asegura a Xunta que xa está traballando na licitación), e o último, que uniría Berdoias e Cee, esquecendo que tamén se prometeu no seu día unha circunvalacións ata o Porto de Brens. P
As obras contan con tres viadutos que se construirán (2 sobre o río Grande e 1, o máis longo, de case 250 m, sobre o río Vimianzo), conlevan practicamente a metade do investimento, con 18M€.
Ademais, a actuación prevé 2 enlaces e a previsión dun terceiro; seis pasos superiores, tres pasos inferiores e seis obras de drenaxe. As obras terán un prazo de execución de 36 meses.