luns. 25.05.2026
El tiempo

Vimianzo esixe a conexión do novo treito do Corredor co Polígono

reunion SEA Vimianzo
Vimianzo esixe a conexión do novo treito do Corredor co Polígono

A xerente da entidade xestora do Polígono de Vimianzo, SEA, Beatriz Sestayo, mantivo unha nova reunión de traballo coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, para continuar avanzando no desenvolvemento do parque empresarial do municipio, un proxecto considerado estratéxico para o impulso económico e industrial da comarca.

Durante o encontro abordáronse os seguintes pasos administrativos e de comercialización do polígono, destacando que no vindeiro consello de administración de SEA, previsto para o mes de xuño, formalizaranse varias operacións vinculadas ao parque empresarial de
Vimianzo, consolidando así o interese empresarial por este espazo.

Dende o Concello de Vimianzo puxéronse sobre a mesa as necesidades de mellora das conexións viarias do polígono, reclamando a execución do acceso directo dende o corredor de Santa Irene a Calo, unha infraestrutura considerada imprescindible para garantir unha comunicación adecuada e segura da área industrial.

A alcaldesa, unha vez que a adxudicación aprobada recentemente pola Xunta non inclúe o enlace directo ao polígono, incidiu en que é preciso executar este enlace, xa que de non facerse xeraranse importantes problemas de tráfico no cruce entre as estradas AC-552 e AC-432, un punto especialmente sensible pola intensidade da circulación e pola futura actividade industrial da zona.
Neste sentido, o Concello considera prioritario que as administracións competentes impulsen esta conexión directa, clave para favorecer a implantación empresarial, mellorar a mobilidade e reforzar a competitividade dun parque empresarial chamado a converterse nun motor económico para Vimianzo e para toda a Costa da Morte.

Máis novas

Comentarios