O Concello de Vimianzo presenta a súa programación para a Semana Santa 2026
O Concello de Vimianzo vén de presentar a programación especial de Semana Santa 2026, que se desenvolverá entre o 28 de marzo e o 5 de abril, cun conxunto de actividades pensadas para todos os públicos e co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e etnográfico do municipio.
O eixo central da programación terá lugar no Castelo de Vimianzo, que acollerá artesanía en vivo en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas. . Durante estes días, as persoas visitantes poderán coñecer de primeira man o traballo de artesás e artesáns en disciplinas como a palla de trigo e centeo, a prata e vidro de Murano, a olería, a elaboración de maquetas de barcos, a maquetación e traballo en coiro de Aspadex, o encaixe da Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo ou a elaboración e tecido do liño.
Ademais, o día 28 de marzo ás 12:00 h. celebrarase a inauguración da exposición “unha xoia, unha flor “de Esther Ferreiro centrada na prata e no vidro de Murano, reforzando a aposta pola difusión dos oficios tradicionais e contemporáneos.
A programación complétase con visitas teatralizadas da man dos Quinquilláns (2 e 3 de abril) e visitas guiadas ao propio castelo en diferentes datas, ofrecendo unha experiencia inmersiva na historia local.
Fóra do recinto do castelo, organizaranse tamén visitas guiadas a distintos enclaves de gran valor patrimonial e paisaxístico do municipio. Así, o público poderá achegarse aos Batáns e Muíños do Mosquetín, ao Dolmen de Casa dos Mouros, ao Dolmen de Pedra Cuberta, ao Castro das Barreiras e ao Porto de Cereixo, en distintas datas e horarios ao longo da semana.
PLAN
- Visitas teatralizadas ao Castelo de Vimianzo: 2 e 3 de abril: 12:30 e 17:00 horas
- Visitas guiadas ao Castelo de Vimianzo: 28 e 29 de marzo: 11:00, 13:00, 16:00 e 18:00 horas./31 de marzo e 5 de abril: 11:00 e 18:30 horas
- Visitas guiadas a Batáns e Muíños do Mosquetín: 30 de marzo: 10:30 e 11:15 horas; 31 de marzo: 12:30 e 13:15 horas/1, 4 e 5 de abril: 12:30 e 13:15 horas
- Visita guiadas a Dolmen de Casa dos Mouros: 1 de abril: 16:30 horas
- Visita guiadas a Dolmen de Pedra Cuberta: 30 de marzo e 5 de abril: 16:30 horas
- Visitas guiadas a Castro das Barreiras: 30 de marzo: 13:00 horas/ 31 de marzo: 16:30 horas
- Visitas guiadas a Porto de Cereixo: 31 de marzo: 18:30 horas /4 de abril: 16:30 horas
Con esta programación, o Concello de Vimianzo reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural, a posta en valor do patrimonio e a promoción turística sostible, convertendo a Semana Santa nunha oportunidade única para descubrir a riqueza do territorio.
Todas as actividades son completamente gratuítas, pero requiren inscrición previa a través desta ligazón.