mércores. 18.03.2026
El tiempo

A Semana Santa de Muxía marídase co Congro

  • Muxía prepara a XXVIII Festa do Congro: degustación de congro e música en vivo do 3 ao 5 de abril
Festa do Congro 2025. Foto Diego F. Otero
Festa do Congro do ano pasado. Foto Diego F. Otero
A Semana Santa de Muxía marídase co Congro

A XXVIII Festa do Congro chegará a Muxía os vindeiros 3 e 5 de abril coa tradicional degustación deste peixe no porto de Muxía, que estará amenizada polos Xaramiños do Corpiño. Á tardiña será momento de charangas e a xornada rematará con música no Malecón,  ademais o domingo haberá unha tarde de baile social. O evento está organizado por Muxía Cultural, un proxecto do Concello de Muxía e Horta Creativa. 

Muxía celebra en Semana Santa unha das festas gastronómicas con máis arraigo na vila: a Festa do Congro. Dende 1997 celébrase esta festa que exalta un dos produtos máis típicos da zona, ofrecendo a degustación do congro nas súas diferentes variantes, nun ambiente festivo amenizado por música. 

A concelleira de cultura Sandra Vilela manifestou "queremos convidar a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Muxía para gozar dunha das nosas citas máis queridas. Como sempre, o Venres Santo, toda a Costa da Morte ten unha cita en Muxía para degustar un dos nosos produtos máis tradicionais, como é o congro. Esta festa, que cumpre xa a súa XXVIII edición, é moito máis ca unha proposta gastronómica: é unha celebración da nosa identidade mariñeira, do traballo das nosas xentes do mar e da riqueza da nosa cociña".

Programación completa

cartel festa do congro Muxia 2026

A festa comezará o venres 3 de abril coa tradicional degustación de congro no porto de Muxía. O xantar terá un prezo de 5 euros e poderase degustar nas súas diferentes elaboracións: á plancha, en empanada de millo ou trigo, e en salpicón. Incluirá unha cunca de viño. Será a partir das 13:00 horas, e estará amenizado coa música dos Xaramiños do Corpiño.

A festa continuará durante a tarde a partir das 16:00 horas coas charangas Europa e Sorcha. E á noite haberá música no Malecón a cargo de Leite con Jalletas e Choriso Criollo. Estes concertos serán a partir das 22:00 horas. 

O domingo 5 de abril haberá ademais tarde de Baile Social da man do Dúo En clave de ti. Será a partir das 19:00 horas na Sala Gervasio Sar.

Sobre Muxía Cultural:

Muxía Cultural é un proxecto do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa que naceu no 2025 coobxectivo de crear unha escena cultural forte en Muxía, poñendo en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, e organizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona. 

Durante o 2025 organizouse na vila e na comarca unha ampla programación de eventos e actos culturais de grande diversidade, como concertos, obradoiros, roteiros na natureza, actividades deportivas, feiras de artesanía ou encontros gastronómicos; coa participación de persoas vencelladas a cada unha destas áreas.

Muxía Cultural continúa este 2026 coa ilusión de converter Muxía nun referente cultural, ofrecendo unha rica programación para a xente que vive na comarca, e tamén para todas as persoas que a visitan cada ano. A Festa do Congro é o primeiro evento da programación deste ano, e nas vindeiras semanas iranse dando a coñecer novas datas. 

Comentarios