Conta atrás para a estrea en Vimianzo da quinta edición de Escora Danza

A mazaricá Yas Deluaces será protagonista
  • O ciclo impulsado pola Deputación da Coruña, comezará nesta localidade o vindeiro 6 de xuño e percorrerá tamén Corcubión, Malpica e Mazaricos

A quinta edición de Escora Danza comezará o vindeiro sábado 6 de xuño en Vimianzo cunha programación que mestura danza contemporánea, música tradicional e creación escénica internacional. A Casa da Cultura acollerá desde as 18:30 horas a primeira das catro xornadas deste ciclo, impulsado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que volverá percorrer diferentes concellos da Costa da Morte apostando pola mediación cultural, a participación social e o diálogo co territorio.

A xornada inaugural abrirase coa participación dos Coros de Cereixo e Carnés, xunto coa danza de Eva Comesaña, nun encontro escénico que conecta memoria colectiva, tradición oral e movemento contemporáneo. O programa incluirá tamén a representación de Ma p’tite dame, da creadora francesa Claire Heggen, nunha función que supón a súa primeira actuación en Galiza. A entrada será de balde até completar a cabida.

Renaud Morin + Anna Guland Escora Danza

A deputada de Cultura, Natividade González, subliña que Escora Danza «representa aquilo que queremos poñer en valor: o traballo no territorio, traballar para as persoas desde as persoas, traballar en comunidade, traballar coas asociacións, traballar de maneira intercultural, traballar cos Concellos, traballar co corpo…».

Pola súa banda, a comisaria do proxecto, Marcia Vázquez, explica que esta edición presta especial atención «á diversidade de corpos, de idades e de formas». «O que procuramos este ano é unha danza accesíbel que represente a pluralidade da cidadanía, de identidades e de realidades», sinalou.

Despois de Vimianzo: Corcubión, Malpica e Mazaricos

Tras a apertura en Vimianzo, Escora Danza continuará en Corcubión o domingo 7 de xuño cun programa que reúne as pezas Ouveo, de Mikel Aristegui, e Son libre, de Mikel Aristegui e Clara López Villar, ademais da presentación d’As pegadas do baile, de Artur Puga.

A seguinte parada será en Malpica de Bergantiños o sábado 13 de xuño, no porto, onde se poderán ver os espectáculos SO-FA(R) FROM ME (aéreo), da compañía Martaalonsotejada, e O. Que todo volva comezar, da AC Raigañas, dirixido por Rut Balbís.

O peche do programa terá lugar en Mazaricos o domingo 14 de xuño, no recinto feiral da Picota, cunha proposta que inclúe Traktor, da veciñanza de Mazaricos, dirixido por Anuska Fernández e Yas Deluaces, e A noite do cuco, de Jandross Rodríguez. A xornada rematará cunha sesión DJ a cargo de WG83.

Máis novas de Escora