Escora Danza volve achegar a Danza contemporánea a 4 concellos da comarca
Corcubión acolleu este mércores a presentación da quinta edición de Escora Danza, un ciclo organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña e que percorrerá catro concellos da Costa da Morte. Foi nunha rolda de prensa en que interviñeron a deputada de Cultura, Natividade González; o concelleiro de Cultura de Corcubión, Carlos Cristino; a comisaria do proxecto, Marcia Vázquez, e representantes de varios dos concellos e asociacións participantes.
O acto serviu para avanzar as principais liñas desta programación, que se desenvolverá no mes de xuño e volverá apostar pola danza como ferramenta de mediación cultural, participación social e diálogo co tecido local.
A comisaria de Escora Danza explicou que o programa desta edición aposta por prestar atención «á diversidade de corpos, de idades e de formas». Reivindicou a danza como un «patrimonio común», mais tamén como algo «efémero».
«O que procuramos este ano é unha danza accesíbel que represente a pluralidade da cidadanía, de identidades e de realidades». Unha danza «híbrida» que nesta edición se mestura con monicreques, o circo, o teatro físico ou o baile tradicional, enumerou Marcia Vázquez.
Destacaron o papel de xerador de comunidade desta iniciativa, de "traballar coas asociacións, traballar de maneira intercultural, traballar cos Concellos, traballar co corpo…», relatou a deputada Natividad González.
O edil corcubionense destacou que é o terceiro ano consecutivo que o programa inclúe a súa localidade e agradeceulle a Deputación a súa axuda, pois «sen ela, nin esta nin outras iniciativas serían posíbeis», apuntou. «É moi satisfactorio ver como a xente moza leva adiante os seus proxectos», subliñou, ao tempo que garantiu o apoio do Concello «en todo o que poidamos».
Programación
Escora Danza percorrerá nesta ocasión Corcubión, Malpica de Bergantiños, Mazaricos e Vimianzo, mantendo a súa vocación interxeracional, comunitaria e descentralizada, con propostas deseñadas para cada territorio e coa participación de compañías e artistas galegas, así como novas incorporacións ao programa.
O ciclo comezará en Vimianzo o sábado 6 de xuño, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura. A xornada abrirase coa participación dos Coros de Cereixo e Carnés, xunto coa danza de Eva Comesaña, e incluirá a representación de Ma p’tite dame, da creadora francesa Claire Heggen, nunha función que supón a súa primeira vez en Galiza. A entrada será libre até completara a cabida.
Continuará en Corcubión o domingo 7 de xuño, ás 18:30 horas, no Campo do Rollo, cun programa que reúne as pezas Ouveo, de Mikel Aristegui, e Son libre, de Mikel Aristegui e Clara López Villar, ademais da presentación de As pegadas do baile, de Artur Puga. En caso de choiva, a actividade trasladarase á Casa da Cultura de Corcubión.
A seguinte parada será en Malpica de Bergantiños o sábado 13 de xuño, ás 19:00 horas, no porto, onde se poderán ver os espectáculos SO-FA(R) FROM ME (aéreo), da compañía Martaalonsotejada, e O. Que todo volva comezar, da AC Raigañas, dirixido por Rut Balbís. A entrada será libre até completar a capacidade e, en caso de choiva, o evento trasladarase ao Centro Cívico.
O peche do programa terá lugar en Mazaricos o domingo 14 de xuño, ás 18:30 horas, no recinto feiral da Picota, cunha proposta que inclúe Traktor, da veciñanza de Mazaricos, dirixido por Anuska Fernández e Yas Deluaces, e A noite do cuco, de Jandross Rodríguez. A xornada rematará cunha sesión DJ a cargo de WG83.




