“O Miradoiro Furna de Sapo e o proxecto MiraQVistas permítenos enlazar o noso territorio”
Conta dende finais do pasado Vimianzo, a comarca de Soneira e a Costa da Morte, cun novo recurso turístico, ideal para visitar esta Semana Santa. O Recunchos da Costa do Miradoiro Furna do Sapo, situado en Cereixo, xa é un espazo singular que permite gozar e poñer en valor o patrimonio natural da Costa da Morte, ollando a delta do río Gran ou río do Porto na Ría de Camariñas.
Cómpre ademais resaltar deste proxecto, desenvolto a través das axudas do GALP, a visión comarcal da que parte, fomentando a vertebración da comarca a través da nosa natureza, e os lazos de colaboración intermunicipal, como se demostrou na presenza conxunta do Concello de Vimianzo e de Dumbría en FITUR ao amparo do proxecto “MiraQvistas”.
Falamos coa alcaldesa, Mónica Rodríguez (PSOE), para coñecer máis de preto a actualidade e o futuro desta iniciativa.
- Como foi a elección deste proxecto para presentar ao GALP? De quen partiu a idea?
Xa hai moito tempo que tanto a min como o Concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, que é de Cereixo, cando iamos a Muxía por Leis, recoñecimos o potencial que tiña aquelas vistas no alto, a pesar da presenza dun eucaliptal.
Xa levamos uns aniños coa idea na cabeza, e despois coñecendo as bases do GALP Costa da Morte e sabendo que tanto polo curruncho Sabadelle, como a desembocadura do río grande na ría de Camariñas, si que poderíamos presentar unha proposta. Preparamos un anteproxecto, para ver se encaixaba, dixeron que si e fumos para adiante.
Tamén houbo que adquirir a finca, e tivemos a sorte que o titular era vimiancés e tivo moi boa actitude para chegar a un prezo razonable. Preparamos o proxecto definitivo, e coa colaboración do GALP, aprobouse, licitámola e executámola.
- Como está sendo a resposta?
Hoxe é unha realidade que demostra que estamos ante un proxecto turístico estrela. O número de visitantes que podemos ver cando hai bo tempo, sobre todo as fins de semana, é impresionante.
De feito, tivemos que conseguir a cesión provisional dunha parcela en fronte do miradoiro para habilitar un novo aparcamento, e permitir unha accesibilidade segura.
- Unha das cousas, ademais da posta en valor da riqueza natural, que máis nos gusta, é a intención de vertebrar a comarca a través desta iniciativa. Como valoras esa colaboración intermunicipal?
Creo que foi unha idea moi boa, que acaba de nacer e que debe crecer. O miradoiro é un miradoiro bonito pero na Costa hai moitos, e temos que enlazar o noso territorio, tamén a traves das vistas, de mirador en mirador. Esta vez facémolo mesturando un novo cun emblemático e consolidado como é o Miradoiro do Ézaro.
Neste caso unimos a comarca a través da desembocadura de dous ríos importantes, pero hai que enlazar a costa da Morte tamén a través de rutas saudables, turas en bicicleta, rutas do megalitismo… Tanto a veciñanza da Costa da Morte como o turista que veña a coñecer o noso territorio, ten que ter moitas posibilidades. Vimianzo ten puntos ademais do Castelo puntos de gran valor e con estes proxectos podemos poñelos en valor.
- Tamén traballastes man a man co Concello de Laxe no proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela. Tan difícil é a colaboración entre Concellos? Canto de importante é enfocar o turismo en clave comarcal?
Eu sempre teño unha visión comarcal, e así o creo. Creo que ese traballo se está a facer, pero non se pode facer en dous días. Hai que ir camiñando pasiño a pasiño e unirnos entre puntos emblemáticos para ir enlazando ese patrimonio, esa natureza ou a nosa gatronomía que nos vai unindo, a través da figura do Xeodestino.
- Por onde vai este proxecto agora?
Ademais de seguir de poñer en valor este miradoiro, pronto nunciaremos que neste ano imos presentar un proxecto complementario ao Mirador para conquerir fondos europeos. A idea é ampliar o punto turístico con novos servizos. Non quero desvelar moito, pero si temos 3 ideas, por terra e mar. A cabeza non para”
Ademais, temos en mente, sen falar de prazos, formular un novo miradoiro precisamente para os Penedos de Traba e Pasarela, e outro no Orbellido, en Baíñas, ao carón do encoro da Fervenza, que uniría 3 concellos como son Dumbría, Vimianzo e Mazaricos.