mércores. 12.02.2025
El tiempo

Vimianzo e Laxe presumen en Madrid dos Penedos, a paisaxe pétrea máis senlleira de Galicia

Os Penedos de Traba e Pasarela en FITUR 1 copia
Comitiva costeira presentando os Penedos no stand de Turgalicia
Vimianzo e Laxe presumen en Madrid dos Penedos, a paisaxe pétrea máis senlleira de Galicia

Ademais dos miradoiros de Dumbría e Vimianzo, os outros grandes protagonistas costeiros da segunda xornada da FITUR foron os Penedos de Traba e Pasarela. Outra campaña conxunta, entre os Concellos de Laxe e Vimianzo, levou a Madrid unha emocionante exposición sobre os Penedos de Pasarela e Traba como paisaxe protexida da man da Xunta de Galicia. Unha acción respaldada por colectivos tan representativos como o SEMESCOM.

Foi da man da Xunta de Galicia no propio stand da nosa Comunidade Autónoma. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o rexedor laxense, Francisco Charlín, foron os encargados de exhibir en Madrid o potencial como recurso turístico deste espazo natural, que destaca pola súa singular xeografía e biodiversidade, así como ofrecer unha panorámica de espectaculares vistas ao Atlántico.

Esta parte de territorio, que comparten os municipios de Vimianzo e Laxe, comprende unha ruta que aproveita sendeiros tradicionais e servidumes de paso, a través das cales é posible percorrer unha dorsal que se alonga dende a Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, ata o Outeiro da Cachucha, con miradoiros naturais únicos sobre o Val de Traba. Supoñen un total de 212 hectáreas.
Alberga tamén unha importante variedade de flora na que predominan as matogueiras coma os toxos, uces, breixos e sobre todo as queirugas, catalogadas como hábitat de interese comunitario pola Unión Europea. 

Rodríguez salientou a importancia de “coidar, protexer e divulgar este enclave, que mostra á perfección a riqueza natural da nosa terra” e mostrouse “moi orgullosa de poder levar a FITUR a nosa natureza, algo que nos representa e que nos define como un destino turístico que nunca esqueces e ao que sempre tes ganas de volver”. 
A rexedora quixo “agradecer á nosa veciñanza, que é unha peza fundamental no coidado, protección e preservación deste enclave único en Galicia, e atreveríame a dicir que tamén no Mundo”.

Pola súa parte, Charlín destacou que se trata “dunha grande ocasión para dar a coñecer a nosa terra e apostar por un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente, que é capaz de apreciar e garantir a conservación e coidado dos nosos recursos naturais” agradecendo “o apoio da Xunta de Galicia e que nos brinde a oportunidade de ofrecer en Madrid a riqueza da Costa da Morte”.


Máis novas de FITUR

Comentarios