venres. 07.02.2025
El tiempo

MiraQVistas: Os miradoiros de Dumbria e Vimianzo embelesan a FITUR

  • Os Camiños da Ría de Muros e Noia e a Mostra de Encaixe tamén foron protagonistas
Presentacion de MiraQVistas en FITUR
Presentacion de MiraQVistas en FITUR
MiraQVistas: Os miradoiros de Dumbria e Vimianzo embelesan a FITUR

Trala primeira e peregrina xornada celebrada en FITUR, este xoves o protagonismo costeiro foi para dous dos miradoiros máis espectaculares da Costa da Morte. Ademais de descubrir dous fermosos espazos onde gozar ao máximo da nosa rica natureza, cómpre valorar a idea de levar unha proposta conxunta, entre os Concellos de Vimianzo e Dumbría.

Foi no stand de Turespaña onde a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez e o rexedor de Dumbría, Raúl González, presentaron o recentemente inaugurado Miradoiro Furna de Sapo, en Cereixo e o icónico miradoiro do Alto do Ézaro, no marco da campaña ‘MiraQvistas’.

Raul Gonzalez e Monica Rodriguez en FITUR
Raul Gonzalez e Monica Rodriguez en FITUR

As vistas desembocaduras do río Grande e Xallas, á Ría de Camariñas e ao puro Atlántico, embelesaron aos presentes na presentación.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asegurou que se trata dunha gran oportunidade “para dar a coñecer non só a nosa nova estrutura. É un paso máis para consolidalo non só como espazo para admirar a beleza e singularidade do noso territorio tamén como miradoiro Starlight, xa que este espazo conta tamén con grandes posibilidades para gozar da observación astronómica”.
“A cohesión é chave para posicionar a Costa da Morte como un destino único, natural e de experiencias como territorio. Unimos forzas porque ambas panorámicas son perfectamente compatibles para verse nun só día, dobrando así unha experiencia xa de por si marabillosa, a de visitar a nosa Costa da Morte”, concluíu o rexedor de Dumbría, Raúl González.

Os Camiños da Ría da Estrela

Ria da Estrela Caminos Ria de Muros e Noia en FITUR

A Ría da Estrela, contando coa presenza de María Lago, alcaldesa de Muros; e Caridad González, concelleira de turismo muradán, presentou en FITUR o primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia.
Unha presentación que serviu para dar a coñecer que xa existe un produto turístico, o Camiño Marítimo a través da Ría de Muros Noia, onde reservar barcos ou camarotes para desfrutar de unha experiencia absolutamente única nunha das zonas máis espectaculares a nivel mundial: “o Camiño está no mar e dende hoxe é unha realidade”.
Un novo produto turístico “recupera tradición e modernidade. Tradición porque recolle a tradición da Ría de Muros Noia como o porto de Compostela, o Portus Apostoli, ata onde desde a Idade Media os peregrinos chegaban a Noia para seguir o seu camiño ata Santiago. Con este produto turístico estamos recuperando esas peregrinacións marítimas”.

A expedición, coincide tamén con Solpor na promoción da Volta de Gloria, cunha presentación que terá lugar este venres 24 de xaneiro, ás 14:30 horas, no stand de RV Edipress.

Encaixe de Camariñas

Cartel XXXIV Mostra de Encaixe de Camarinas 2025

Despregadura total do Concello de Camariñas en FITUR, lugar escollido un ano máis para presentar a XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruñas. Na presentación, realizada no stand de Turespaña, deuse a coñecer o cartel e o vídeo promocional da trixésimo cuarta edición da Mostra, que se celebrará do 16 ao 20 de abril baixo o lema ‘Un mar de piques’, unha mensaxe que busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición.

O guión do vídeo, liderado polo camariñán Diego Alonso Freire, desenvólvese ao redor dunha parexa real de Camariñas: ela, Silvia Tedín González, administrativa e palilleira; el, Sergio Vidal Campaña, patrón e armador dunha embarcación de baixura. As súas rutinas, cheas de esforzo e dedicación, serven como reflexo das vidas de moitas outras persoas do concello. A peza culmina cunha imaxe simbólica que representa a unión entre o mar e o encaixe: unha nasa e unha almofada de palillar entrelázanse nun só obxecto, unha verdadeira declaración de amor á cultura camariñana.

A Mostra contará este ano cunha invitada moi especial, a coñecida soprano Soledad Vidal, veciña de Camelle, que, xunto co pianista Aurelio Viribay, presentarán o seu recital ‘Cantares Atlánticos’.

Máis novas

Comentarios