mércores. 04.12.2024
El tiempo

Vimianzo inaugura o novo miradoiro de ‘Furna do Sapo’ para “voar sobre a ría de Camariñas”

Miradoiro Furna de Sapo Inaugura
Vimianzo inaugura o novo miradoiro de ‘Furna do Sapo’ para “voar sobre a ría de Camariñas”

O Concello de Vimianzo celebrou onte a inauguración do miradoiro sobre a ría de Camariñas, xa convertindo nun dos máis singulares dos nosos Recunchos da Costa.

Un proxecto deseñado para poñer en valor a riqueza natural e paisaxística da zona, promovendo o turismo sostible e creando un espazo de contemplación único para veciños e visitantes.

A nova infraestrutura, situada nun enclave privilexiado a case 80 metros de altura sobre a ría, ofrece unhas vistas espectaculares da desembocadura do río Grande, as praias e calas da contorna, e o océano Atlántico como pano de fondo. Ademais será un espectacular espazo para gozar do noso ceo, sumando espazos para seguir afianzando a comarca como Destino Starlight.

O miradoiro, que conta cunha estrutura metálica lixeira sostida por dous apoios de formigón armado ocultos, dispón dunha plataforma de madeira maciza de 38 metros cadrados, integrada de forma harmoniosa no espazo natural.
 

Miradoiro Furna de Sapo Inaugura 2

Na súa intervención durante o acto, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou que “hoxe inauguramos non só unha obra, senón unha nova experiencia para gozar da nosa contorna. Este miradoiro é un símbolo do noso compromiso coa promoción do noso territorio e coa posta en valor do noso patrimonio natural. Queremos que quen visite este lugar sinta que está a voar sobre a ría, admirando a súa beleza única”.

Ademais do miradoiro, a actuación incluíu a construción dunha explanada de acceso con muro de contención de granito, pavimentación con xabre e unha zona de aparcadoiro, facilitando o acceso a este novo espazo recreativo e didáctico.

O proxecto, cun orzamento total de 85.278,10 euros, foi financiado grazas a unha axuda da Consellería do Mar a través do GALP Costa da Morte. O redactor do proxecto foi Pablo Blanco e a empresa adxudicataria da obra foi Construcciones Ogando.

Máis info

Comentarios