“Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
Falar de liderado, de cartos, de poder, dende unha perspectiva de muller e nunha contorna rural, non é habitual. De aí a importancia do I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte ‘Alza Voz de Muller’, que vai acoller o Concello de Vimianzo os vindeiros 6 e 7 de xuño. Unha cita para que mulleres referentes de todo o estado analicen as realidades que se vive na carreira profesionais coas mulleres da nosa comarca, falando con total franqueza de cartos, de soldos, de conciliación, de liderado…
Falamos hoxe coa súa organizadora, Patricia Vaquero (Nós Igualdade), con 20 anos de experiencia no sector, e escollida polo Concello vimiancés para desenvolver esta iniciativa “moi necesaria e moi potente”. “Conseguir que se faga unha cousa así de poderosa no rural é algo moi positivo”, sinala destacando a calidade das ponentes, e invitando ás mulleres da Costa da Morte a participar e a “cocrear” o evento.
- Como é iso de cocrear o foro?
As mulleres teñen que velo como algo propio. Isto non é só un evento que organiza unha administración que trae unha persoa e nós escoitemos. A idea é que as mulleres que participen que cocrean o evento. Elas son as protagonistas, porque queremos falar de cousas que nos pasan de verdade. Queremos falar de realidades, de retos, desafíos, de dificultades, de oportunidades. Levamos facendo un esforzo moi grande para espallar esta mensaxe, e segue xente terxiverxando e poñendo en dúbida eventos coma este, pero estamos ante movemento imparable que temos que seguir impulsado.
De nada serve falar de cousas utópicas pero que non son reais. E para facer que participen, que sexan elas as artífices, temos habilitado o instagram (@alzavosdemuller) e un correo (comunicacion@alzavozdemuller.com) na web https://alzavozdemuller.com/ para recibir as súas ideas. Ademais, dentro do evento imos ter un buzón para que nos manden as cousas que vén positivas, mellorables…
- Ti, que levas 20 anos nisto, destacas que este evento é un antes eun despois. Por que?
Como profesional que levo 20 anos facendo programas con perspectiva de xénero, isto é un privilexio, pero ao mesmo tempo é algo fundamental, algo necesario que vai ter un impacto nas mulleres da Costa da Morte. Fíxate que xusto a semana seguinte se organiza en Madrid o Congreso WomenNow, un evento internacional pero cuio programa non vai discernir moito do que vai pasar aquí.
Isto é algo moi potente, que xa facía tempo que facía falta organizar. Eu sempre fun unha gran defensora do rural, levo traballando aquí sempre, temos creado unha comunidade de mulleres rurais co nome #Todasnós, fago un podcast no que poñemos en valor a mulleres do rural… Como emprendedora levo toda a vida formándome fóra, Madrid, Barcelona, Coruña, Santiago… para escoitar referentes femininos sempre temos que saír, e que isto se faga aquí ten un poder espectacular.
- Canto ten cambiado esta comarca en 20 anos en canto á perspectiva de xénero?
Cambiou a sociedade en xeral, sobre todo pola lexislación. Eu empeceu en 2005, e xusto en 2004 saíu a Lei de prevención de Violencia de Xénero, e en 2007 a de Igualdade. Xa só no marco normativo, a primeira pedra na que se sostén case todo, a sociedade cambioi moito.
Na comarca temos xa moitas mulleres emprendendo, liderando empresas… pero hai que deixar claro que non partimos do mesmo lugar do que parte un home. Polos roles, polas crenzas propias que as mulleres nos cremos, que son freos para nós. Temos que empezar a velo dende aí. A conciliación, as responsabilidades familiares, o menor financiamento en proxectos liderados por mulleres; cando unha muller ten que pedir unha subida de soldos; cando unha muller se posiciona a unha oferta de emprego ten que pasar máis filtros… partimos de cousas diferentes e temos que falar de todas estas cousas.
Temos que falar de cartos, claro, é necesario. As mulleres sempre temos moito medo a falar disto, sempre nos dou vergonza, e necesitamos falar de como xestionar, de cales son os nosos soldos, de todas esas cousas que son de verdade.
A comarca cambiou moito, pero queda moito por facer. E para iso é necesario un espazo onde as mulleres se conten a si mesmas, que falen dos desafíos nos desenvolvemento profesional. Si que polo 8M e polo 25N hai moitos foros… e está moi ben que se visibilicen os casos de éxito, pero tamén temos que falar dos desafíos, barreiras, retos e realidades que vivimos.
- E as administracións?
A sociedade cambiou, hai máis dereitos, pero é verdade que na práctica hai moitas cousas que seguen sendo discriminacións e mesmo violencias. En xeral estou algo enfadada como profesional, porque normalmente non se valora nada. Non se poñen recursos necesarios. Por iso teño que recoñecer que haia administracións como o Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña que si teñan unha aposta tan decidida e un compromiso tan firme con estas accións. Como profesional aplaudo que tanto o Concello de Vimianzo como a Deputación teñan apostado por este foro, que é unha marabilla e un privilexio, pero tamén algo necesario.
- Con todo, aínda haberá xente criticando?
Si, segue habendo xente que segue pensando “aí vai outra charlita de mulleres” e cuestionando estas accións, que non cuestionan outras. Pero non, isto non é unha “charlita”, non podemos que minimizalo.
Tamén hai xente que pregunta se “é só para mulleres”, como se fosemos excluíntes, e dende logo que pode entrar todo o mundo, pero é algo formulado principalmente para mulleres, tratado completamente dende unha perspectiva de xénero.
- Cales son os obxectivos reais? de crear alianzas, redes de apoio e proxectos conxuntos entre todas as asistentes. Que cres que pode saír de aquí?
Pode saír unha rede provincial de colaboracións e contactos, semellante á Rede de mulleres da Costa #TodasNós.
Para fomentalo imos traballar moito en rede. De feito á hora da comida, que vai ser dentro do propio evento, faremos accións de networking para que as mulleres se coñezan e vexan onde poden converxer os seus proxectos e como poden colaborar.
- Que personalidades traedes de fóra?
Traemos xentes moi potentes a nivel estatal como Carmen Lence (Leche Río), que vai falar de liderado feminino innovado; ou Yolanda Domínguez, que trae unha charla necesaria sobre os cartos que se chama “As Mulleres facturan”; Laura Sagnier, que acuñou o termo «La Losa de Hormigón», e fai falar de como a conciliación e a desigualdade condicionan o desenvolvemento laboral das mulleres; ou María Fornet, que nos trae a súa visión sobre a “mentalidade expansiva”, e os pasos necesarios para comezar a pensar en grande.
- E de aquí, que mulleres son referencia?
Da Costa vai haber unha mesa que leva por título “Emprender dende o rural”, con xente de Fademur, pero tamén Elena Sanmamede, de 50pés consultoras, e outras profesionais da comarca que estamos pechando.
Ademais, teremos ás bravas mulleres vimiancesas da Escola Teté Teatro, que con ese ton crítico van sacarnos as risas destensando o ambiente.
Tamén teremos música no peche o venres, cun Coctel no Pazo de Trasariz, no que estarán Irma Macías e Luís Pinto, e durante o sábado contaremos con Rocío Caamaño.
Asistencia ao evento
As entradas para asistir a este evento xa están á venda a través da páxina web https://alzavozdemuller.com/