Rocío Caamaño, Paracetafolk e o Asalto ao Castelo, entre os finalistas dos Premios Martín Códax da Música

Xentes do Asalto ao Castelo nos Premios Martín Codax

Volve estar representada a Costa da Morte entre os finalistas dos Premios Martín Códax da Música. O Festival Asalto ao Castelo de Vimianzo, a banda Paracetafolk, e a artista ceense Rocío Caamaño forman parte dos finalistas dos "grammy galegos".

Tralo evento realizado onte nas Bodegas Martín Códax en Cambados, ábrese un período de votación até o 25 de maio. Tanto as socias de Músicas ao Vivo, como o público xeral poderá expresar o seu apoio a través da web oficial dos premios premiosmartincodaxdamusica.gal e o 28 de maio faranse públicos os galardóns.

ParacetaFolk

Apenas os coñecimos hai un par de meses, pero veñen con forza. Esta banda con xentes de toda a comarca da Costa da Morte competirá para ser recoñecida como Mellor Artista Emerxente con Ash Diz e Ulex.

Asalto ao Castelo

O xurado escolleu o festival vimiancés entre os 25 proxectos candidatos na categoría de Festivais, o que supón un recoñecemento á súa traxectoria e á súa singularidade dentro do panorama musical e cultural galego, cun proxecto que nacía 1996 da man da asociación AXVALSO e continúa sendo organizado pola asociación cultural Cherinkas, mantendo intacta a súa filosofía sen ánimo de lucro e o seu forte vínculo coa comunidade local da Terra de Soneira.

O Asalto, que afronta a súa 28ª edición con máis forza que nunca compite coas Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela) e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela).

Rocío Caamaño

Rocio Caamaño na Mostra do Encaixe de Camariñas deste ano

Ademais, o proxecto persoal da ceense Rocío Caamaño, co seu último disco, Trileros, tamén foi escollido como finalista na categoría de Canción de Autor, na que competirá coa eterna Ugia Pedreira e con Migui Bouzó.

A ceense lembra cando se presentou con 12 anos ao programa Menudas Estrellas, sen que o soubera a familia. Alí xa despuntou imitando a Paloma San Basilio. Pasou naqueles anos polo Luar, o Tekele… e uns anos despois presentouse ao OT2017, onde superou numerosas probas, quedando ás portas de entrar. Eran 10.000 e ela quedou de 16, no ano no que triunfaron Amaia, Aitana, Ana Guerra, Lola Índigo...

Agora, nunha segunda xuventude, volve con máis forza que nunca.