O TSXG paraliza cautelarmente o Parque Eólico Patiñeiro pola súa afección á avifauna e ao patrimonio
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), como xa avanzou hai 6 meses, vén de acordar a paralización cautelar do proxecto eólico Patiñeiro, promovido por Naturgy Renovables no concello de Vimianzo, tras estimar a solicitude presentada por ADEGA. O proxecto, que contempla a instalación de tres aeroxeradores de ata 200 metros de altura nunha zona con alta densidade de fauna protexida e un patrimonio arqueolóxico único, fora autorizado pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta .
No seu auto, o alto tribunal galego considera acreditado o risco de danos ambientais de difícil ou imposible reparación, xa que o proxecto podería afectar "elementos ambientais altamente sensibles, ben por estaren catalogados, ben por se trataren directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo".
Un perigo para a avifauna e para o patrimonio
En concreto, o proxecto eólico Patiñeiro sitúase na comarca de Terra de Soneira, nunha área que funciona como corredor ecolóxico entre a costa e o encoro da Fervenza, clave para a invernada e paso de avifauna migratoria. ADEGA advirte da presenza de rapinas esteparias vulnerables, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), con posible cría, sen que se realizase unha prospección anual completa de avifauna antes da autorización do proxecto. Tamén cómpre ter en conta a afección a zonas con presenza do lobo ibérico, así como o risco para recursos hídricos que abastecen á poboación local.
O polígono eólico instalaríase, ademais, nunha zona con alta densidade de xacementos arqueolóxicos, algúns deles declarados Ben de Interese Cultural (BIC) - como o Túmulo de Pedra da Moura de Monte Carnio, o Túmulo de Pedra Cuberta e a Anta de Serramo/Pedra da Lebre-; e moi próximo a núcleos habitados, con aeroxeradores situados a menos de 550 metros de vivendas.
ADEGA tamén alerta da acumulación de parques eólicos e liñas de Alta Tensión na contorna, que provocaría efectos sinérxicos sobre a biodiversidade. A tramitación deste parque eólico independentemente da súa liña de evacuación podería tratarse dunha fragmentación de proxectos, artellada coa finalidade de minimizar os impactos no procedemento de avaliación ambiental, e podendo tratarse, xa que logo, dunha fraude de lei.