A veciñanza de Treos únese contra o parque eólico Patiñeiro e abre un crowfunding para paralizalo

A veciñanza da parroquia de Treos reuniuse este pasado domingo, tras a misa dominical, para informarse sobre o parque eólico Patiñeiro, proxectado no concello de Vimianzo.
A autorización administrativa previa e de construción deste parque foi publicada en setembro do 2024, mais parte dos seus veciños e das veciñas non eran coñecedores deste proxecto que situaría tres muíños no núcleo mesmo da parroquia.
Os habitantes desta parroquia están preocupados, sobre todo, polo impacto das instalacións eólicas sobre os recursos hídricos; xa que, a fonte de San Miguel, a fonte da Zamarreda ou a Devesa de Treos, que abastecen varios lugares, poderían chegar a desaparecer polo que quedarían sen auga. E, ademais, a distancia dos aeroxeradores (de 200 m de altura) a algunhas poboacións é inferior a 550 metros o que produce malestar na veciñanza.
Ademais, parque eólico instalaríase nun corredor ecolóxico entre a costa e o encoro da Fervenza, cunha importante avifauna ameazada e aves migratorias; e atoparíase nunha zona de alta densidade de individuos de lobo.
E por se fora pouco está proxectado nunha área con importante densidade de xacementos arqueolóxicos como son o dolmen de Pedra Cuberta, a Pedra da Moura e a Pedra da Lebre, todos eles considerados “Ben de Interese Cultural (BIC). Por isto mesmo, a veciñanza non entende como, por unha banda, os poderes políticos promocionan os restos megalíticos e, por outra, favorecen a súa destrución.
As persoas asistentes, descontentas por estas noticias, mostraron interese por participar nas doazóns e facer o posible por conseguir o obxectivo. Piden axuda e informan de que as doazóns desgravan un 80% o que, finalmente, non supón un esforzo económico elevado.
Campaña de micromecenazgo
A veciñanza, co apoio de ADEGA, está intentando xuntar cartos para poder recorrer o Parque ante Tribunal Superior de Xustina. Fano a través da campaña de micromecenazgo Ti podes parar o P.E. Patiñeiro (Vimianzo).
A meta desta campaña é xuntar uns 8000 euros, repartidos en 2 fases. A primeira fase remata en 11 días e precísase chegar aos 4000 euros. A través desta campaña, Adega conseguiu anular ou paralizar cautelarmente uns 33 parques eólicos, entre eles, o Monte da Croa (en Castrelo).
Máis novas