A veciñanza de Vimianzo e Zas álzase contra o peche das sucursais de Abanca

Imaxe da concentración de Zas
Convocada unha manivestación na Coruña para o vindeiro 2 de setembro

Rotunda resposta da veciñanza á chamada municipal para manifestarse en contra dos peches das sucursais de Abanca en Vimianzo e Zas, así como a da Baña. Ducias de persoas concentráronse ás portas das oficinas de cada concello.

Lolo Muíño e Mónica Rodríguez comandaron as mobilizacións contra un novo recorte en materia de Infraestruturas que, aínda que desta volta non sexa responsabilidade das administracións, si que estas deben responder.

Así llo explicaba Muíño á veciñanza na praza do Concello antes de partir cara a propia oficina, lembrando o rescate que fixo a Xunta de Galicia para despois venderlla ao banco venezolano provocando unha perda de máis de 7 millóns de euros dos cartos de todos os galegos.

En Baíñas, a rexedora estivo arroupada polo parlamentario socialista Martín Seco. Mónica Rodríguez amosouse rotunda contra a empresa, pedindo tamén a intervención da Xunta de Galicia.

Seco anunciou a batería de preguntas que vai levar ao Parlamento Galego co obxectivo de frear o peche previsto para o 8 de setembro.


 

Manifestación diante da sede de Abanca da Coruña

 

Dentro do plan de accións conxuntas que teñen previsto os Concellos de Zas, Vimianzo  e A Baña está unha manifestación diante da sede de Abanca na Coruña que se celebrará o vindeiro 2 de setembro ás 11:30 horas. Manuel Muíño convidou a toda a veciñanza a participar nesta manifestación e dende o Concello de Zas porase a disposición de todo o que o desexe un servizo gratuíto de autobuses. Para usalo é preciso anotarse previamente no número de teléfono do Concello de Zas (981 70 83 03).