sábado. 01.08.2026
El tiempo

Case 1M para as estradas provinciais de Caxadas a Baíñas e de Dumbría a Muxía

Monica Rodriguez no pleno da Deputacion
Monica Rodríguez no pleno da Deputación
Case 1M para as estradas provinciais de Caxadas a Baíñas e de Dumbría a Muxía

O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte dúas obras importantes para as estradas costeiras.

Caxadas - Baíñas

O pleno aprobaba por unanimidade, o proxecto para a renovación d capa de rodaxe na estrada provincial DP-9203, que conecta as localidades de Caxadas e Baíñas, no termo municipal de Vimianzo. Esta nova intervención da institución provincial contará cun investimento total de 442.900,52 euros e centrarase en actuar sobre dous tramos da vía que suman máis de tres quilómetros e medio de lonxitude, concretamente os comprendidos entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+200, e do 4+800 ao 6+130.

O obxectivo principal desta obra é acondicionar a superficie de rodaxe para garantir unha circulación máis fluída, cómoda e segura para toda a veciñanza e os condutores que empregan habitualmente esta estrada. Os traballos previstos consistirán no estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor en todo o ancho da plataforma da estrada, así como no fresado e a posterior reposición do firme en todas aquelas zonas que presenten blandóns ou deterioro estrutural..

Unha vez asinado o acta de comprobación do replanteo, as obras contarán cun prazo de execución de cinco meses.

A alcaldesa de Vimianzo e deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou que se trata dunha mellora moi necesaria nun dos principais viarios provinciais do municipio e nunha conexión estratéxica para as comunicacións de Vimianzo cara a Santiago.

Este novo investimento súmase aos traballos de renovación integral xa completados con anterioridade nesta mesma estrada DP-9203, nos que se investiron máis de 1,5 millóns de euros. Deste xeito, nos dous últimos anos investíronse preto de dous millóns de euros nesta estrada provincial.

Dumbría - Muxía

Así mesmo, aprobou tamén por unanimidade o proxecto de mellora da capa de rodaxe na estrada provincial DP-3403, no tramo que vai dende a AC-552 ata Vilarmide por Senande, abranguendo dende o punto quilométrico 0+000 ao 3+700. Esta actuación, que discorre polos termos municipais de Dumbría e Muxía, contara cun investimento total de 492.627,64 euros.

A intervención ten como obxectivo principal reforzar a seguridade viaria e mellorar a comodidade e o tránsito dos usuarios que circulan por esta vía. Para iso, proxéctase o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor en todo o ancho da plataforma da estrada, xunto co fresado e a reposición do pavimento en todas aquelas zonas que presenten blandóns.

De xeito previo ás tarefas de pavimentación, executaranse traballos de preparación da vía que inclúen o desbroce das marxes, a limpeza das beirarrúas e beiras, e a apertura e perfilado das cunetas para garantir a correcta drenaxe da auga da chuvia. O proxecto completa as súas actuacións coa renovación e reposición da sinalización horizontal, pintando de novo os eixes, bordos e inscricións, ademais da adecuación e actualización dos elementos de sinalización vertical, balizamento e defensas de seguridade.

Unha vez asignadas as obras e asinado o acta de comprobación do replanteo, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de execución de cinco meses para a finalización dos traballos.

Comentarios