Un amplo calendario de visitas guiadas para descubrir o patrimonio de Vimianzo
O Concello de Vimianzo presenta a programación de visitas guiadas para o mes de agosto, unha proposta que permitirá coñecer de preto algúns dos principais recursos patrimoniais do municipio a través de percorridos interpretados por persoal especializado.
Inicialmente, a programación incluía visitas teatralizadas e unha visita teatralizada nocturna. Porén, as actividades previstas para os días 5 e 9 de agosto quedaron canceladas por motivos de saúde dunha das artistas da compañía Quinquilláns, polo que se reforza a oferta de visitas guiadas ao Castelo e ao resto dos recursos patrimoniais. O Castelo de Vimianzo, que acolle durante todo o ano a Mostra de Artesanía en Vivo, será o principal punto de partida desta programación.
As visitas guiadas ao Castelo realizaranse:
- Do 4 ao 12 de agosto, de martes a venres, ás 11:00, 12:30, 17:00 e 19:00 horas.
- Do 13 ao 28 de agosto, de martes a venres, ás 11:00 e 19:15 horas.
- Os sábados, ás 18:00 horas.
- Os domingos, ás 11:00 horas.
Ademais, con motivo da elevada afluencia de visitantes durante as festas patronais, o domingo 9 de agosto ofreceranse pases extraordinarios ás 11:00, 12:30, 17:00 e 18:30 horas.
A programación complétase con visitas guiadas a distintos espazos de especial interese patrimonial:
- Berdoias, un paseo pola súa historia e o seu patrimonio, o 14 de agosto, ás 16:30 horas.
- Orbellido, recordos somerxidos, o 28 de agosto, ás 16:30 horas.
- Batáns e Muíños do Mosquetín, de martes a venres, do 13 ao 28 de agosto, ás 12:30h.
- Dolmen de Pedra Cuberta (Treos), o 13 de agosto, ás 16:30 horas.
- Casa dos Mouros (Baiñas), o 20 de agosto, ás 16:30 horas.
- Castro das Barreiras, os días 25 e 27 de agosto, ás 16:30 horas.
Todas as actividades son gratuítas, con inscrición previa ata completar a capacidade de cada visita.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta programación, que ofrece unha oportunidade única para coñecer a historia, a paisaxe e o patrimonio do municipio durante o verán.
As inscricións poden realizarse a través do formulario habilitado polo Concello.
