Vimianzo acolle a estrea absoluta dun dos espectáculos de danza contemporánea máis prometedores do país

 

Novo fito cultural para Vimianzo, que segue conseguindo convertir á Costa da Morte en epicentro cultural a nivel autonómico. Este domingo 26 de abril, ás 18,00 h., o auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, acolle unha estrea moi especial: Saias do mar, a nova coprodución do Centro Coreográfico Galego xunto a ArtístiKa Movemento. 

Trátase dunha peza inspirada no Camiño da Traslatio e que homenaxea a muller galega como forza ancestral. A proposta foi a elixida na modalidade de compañías emerxentes na última convocatoria para coproducións de danza da Xunta de Galicia, co obxectivo de facilitar a incorporación á escena galega de novos colectivos con potencial creativo.  

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen interveu hoxe na rolda de prensa celebrada en Vimianzo xunto a Nerea Andrés e Juan Miguel Hernández, codirectores de Artístika, xunto coa alcaldesa vimiancesa Mónica Rodríguez e a técnica de cultura Nieves Lema, ademais de todo o elenco, que interpretou un breve fragmento da obra como remate do acto.

 

Fixeron referencia á importancia da liña de coproducións de danza para favorecer a entrada de novos nomes e estilos na creación coreográfica profesional en Galicia e subliñou o valor de propostas como Saias do mar á hora de “poñer en diálogo a danza contemporánea coa identidade cultural galega desde unha mirada nova e con vocación de conexión co público”, nunha proposta que xa ofreceu un adianto público en Pontevedra como parte do acto de inauguración da pasada edición de Culturgal, a feira das culturas galegas.  

Puxo, ademais, o foco no papel do Centro Coreográfico Galego como plataforma para acompañar o talento emerxente e contribuír á visibilidade da creación de danza feita na Comunidade.

Memoria, mar e identidade

Inspirada no Camiño da Translatio, un historia xacobea con moita incidencia na coamrca de Soneira, e nomeadamente con pegadas en CereixoSaias do mar é un espectáculo de danza contemporánea que homenaxea a muller galega como forza ancestral ligada ao mar. A peza transforma o corpo nun territorio fluído e propón unha lectura coreográfica do feminino como memoria viva e indómita, depositaria dunha herdanza espiritual e simbólica, vencellada á ruta sagrada que trouxo o corpo do apóstolo Santiago por vía marítima ata estas terras. 

Juan Miguel Hernández é o autor da coreografía desta montaxe dirixida por Nerea Andrés, e ambos forman tamén parte do elenco xunto a Dayron Rodríguez, Irene Lorenzo, Laura Pereiras, Lucía Fontenla, Alba Fariña e Zoe Amor. A proposta, de 40 minutos de duración e pensada para poder executarse en todo tipo de espazos, complétase cunha selección musical de Rosa Cedrón, Daniel Minimalia e Luar na Lubre, vestiario de Santos Salgado e atrezzo de Elva Bernat.

As localidades para asistir á estrea de Saias do mar en Vimianzo están xa á venda a través da plataforma woutick.es. Ademais da función do domingo, a compañía levará a cabo un segundo o luns 27 pase para alumnado de centros de ensino.  

Máis novas