O Pazo da Cultura de Carballo e o Auditorio de Vimianzo xa teñen artistas seleccionados para as Residencias Paraíso 2026 de RPM
Seguen afianzando a súa posición como berce de talento os Concellos de Carballo e Vimianzo participando, un ano máis, na 10ª edición das Residencias Paraídos. O Colectivo RPM vén de anunciar os artistas seleccionados para os 12 espazos culturais que servirán como escenario para desenvolver as súas creacións.
En Carballo
Os creadores galegos Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo mergullaranse nun proceso de creación titulado Asoballada por fentos no Pazo da Cultura de Carballo. Baseado na investigación artística de Corral Cid, o proxecto mestura arquivo e performance, acompañado pola música de Reboredo, para revisitar a memoria folclórica galega e repensar os arquetipos rexionais do franquismo.
En Vimianzo
A Residencia Paraíso na Casa da Cultura de Vimianzo, complementada cunha residencia técnica no Pazo da Cultura de Narón, contará co bailarín e creador galego Jandross Rodríguez, que traballará no proxecto Suksen, unha investigación sobre o duelo e a tradición de velar. Dende o corpo, Suksen explora a fisicalidade límite e a capacidade residual dun corpo canso que segue a moverse, convidando á pausa, á intimidade e á reimaxinación do ritual a través dunha perspectiva cuir e contemporánea. Neste traballo Rodríguez conta coa dirección artística da coreógrafa e bailarina galega Julia Laport.
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados –entre 209 propostas recibidas– participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela





