Na xornada do pasado sábado, 20 de agosto, Vimianzo emocionouse no campo de fútbol municipal. Alí, familiares, veciños e compañeiros de instituto xuntáronse para lembrar a Martín Pena, falecido recentemente a consecuencia dunha longa doenza.
O acto comezou coa entrega á familia de Martín, de varios agasallos, como dous ramos de flores, unha placa, unha foto do neno cos seus compañeiros de equipo, e tamén unha camiseta en homenaxe coa que saltaron ao campo os xogadores do Soneira. Nela podíase ler “Martín sempre no noso corazón”.
A cita estivo organizada pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Deportes. Alí estiveron a concelleira correspondente, Montserrat Vázquez, e o alcalde en funcións, José Antonio Miñones.
Foron máis de trescentas as persoas que asistiron ao Memorial Martín Pena.