Vimianzo ten nova web municipal
Hai poucas webs municipais na Costa da Morte que teñan sentido, que se movan, que informen do día a día do Concello. Haberá que facer un repaso ao seu traballo, pero hoxe coñecemos unha novidade.
Este pasado sábado tivo lugar no Telecentro de Vimianzo, como non, a presentación da nova páxina web do concello de Vimianzo (www.vimianzo.es). Unha web renovada que intenta adaptarse ás innovacións tecnolóxicas facilitando a chegada paulatina da administración electrónica e promovendo a interacción entre a cidadanía e a administración municipal, para favorecer a relación entre os cidadáns e o concello.
Manuel Antelo estivo acompañado na presentación por Rosa Sánchez, técnica local de emprego, e Lorena Cernadas, técnica informática do concello, encargadas de coordinar e poñer en marcha este novo espazo, no que participaron os traballadores e traballadoras dos diferentes departamentos municipais.
Datos e seccións
O alcalde de Vimianzo comentou que se trata “dunha nova web, con novos servizos e unha nova imaxe, como inicio nunha nova etapa no concello de Vimianzo”. Destacou que se pretendeu que sexa “unha páxina dinámica, activa, na que os propios cidadáns poidan participar”. Espazos como Liña directa co alcalde ou Escoitámoste, onde os veciños e veciñas de Vimianzo poden deixar a súa consulta, solicitude ou suxestión, que será atendida debidamente pola persoa á quen vaia destinada, son unha aposta polo diálogo e a atención á cidadanía.
Apartados como Xestión municipal, onde os vimianceses terán acceso á documentación municipal que pode ser do seu interese (ordenanzas, actas dos plenos, bandos municipais, orzamentos, etc) ou Servizos municipais, que facilita que os cidadáns saiban que servizos se lle ofrecen desde o seu concello, son unha aposta pola eficacia, a igualdade e a transparencia na prestación e na xestión dos servizos públicos.
Un apartado dedicado ao Turismo onde se pretende Compartir Vimianzo co mundo, amosarlle aos vimianceses e aos visitantes que ofrece o noso concello, que poden atopar se se achegan a Vimianzo. Un apartado novidoso, Vimianzo na diáspora, que lle permite participar e interactuar aos vimianceses e vimiancesas que se encontran fóra do noso concello. A adaptación do concello á administración electrónica dá os primeiros pasos tamén neste espazo, no que se poden descargar xa impresos e instancias, e nos que o perfil do contratante aparece vinculado á plataforma de contratación da Xunta de Galicia.
Máis información
Novas relacionadas
- Parón en Vimianzo á espera dunha moción de censura.
- Montse Vázquez defende o traballo do Departamento de Servizos Sociais de Vimianzo ante as críticas do goberno.
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Vimianzo.