Yago Rellán, Nico Soto e Paula Vázquez, os arqueiros de Dousxsetenta recoñecidos en Vimianzo
A Casa da Cultura acollía esta mañá a recepción ao club Dousxsetenta de tiro con arco que cumpre 15 anos de vida, e recoñecía nesa recepción nomeadamente os éxitos de tres dos seus arqueiros: Yago Rellán, Nico Soto e Paula Vázquez.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, trasladaba en nome do Concello os “parabéns ao club Dousxsetenta polos seus 15 anos de traxectoria. Estamos orgullosos de celebralo xuntos!”, declaraba durante a recepción a rexedora. “Como alcaldesa, deséxovos moitos máis anos de éxitos, compromiso e paixón polo tiro con arco. Que sigades sendo un orgullo para o noso concello. En hora boa, familia!”, díxolles.
Yago Rellán, acadou a medalla de bronce no Campionato de España de tiro con arco en sala, Paula Vázquez, fíxose coa de ouro no Campionato Galego de tiro con arco en sala, e Nico Soto, colgou do pescozo a medalla de bronce no Campionato Galego da citada disciplina. Todos eles están adestrados por Víctor Santos, técnico de Deportes do Concello de Vimianzo, que estivo tamén presente na recepción, así como unha ampla representación de integrantes do club Dousxsetenta.
A xornada seguiu para o club cun xantar no que se festexou ese 15 aniversario da entidade deportiva.