A Facultade de Xeografía e Historia da USC escolle por segundo ano consecutivo a Brandomil como referente dun xacemento romano
A Fundación Brandomil tivo un ano máis a honra de recibir a un grupo de 90 alumnos do Grao en Historia da Universidade de Santiago de Compostela, acompañados por parte do profesorado encabezado polo doutor Miguel Carrero Pazos. A visita abrangueu tanto o entorno do Camiño Real e Ponte Vella como o xacemento de Pedra do Altar, facendo un percorrido pola propia localidade e os restos que agocha.
Durante as case dúas horas que durou a ruta, o arqueólogo Lino Gorgoso e o Secretario da Fundación Brandomil Enrique Eduardo Iglesias, responderon as dúbidas formuladas polo alumnado, nunha xornada considerada inesquecible e da que se espera saian novas vocacións para os futuros arqueólogos de Galicia.
Deste xeito, Brandomil consolídase como un auténtico referente da arqueoloxía galega, non só pola magnitude do xacemento, senón tamén pola actividade investigadora, publicacións e aplicación das máis novidosas técnicas auxiliares da arqueoloxía.
O propio arqueólogo director das escavacións dende o ano 2019, Lino Gorgoso, explicou ó alumnado os resultados acadados no ano 2025, durante o cal executouse un proxecto de prospección non invasiva no terreo mediante xeorradar, gradiómetro e dron LIDAR Multiespectral, en colaboración co Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), localizándose multitude de restos soterrados. A combinación desta tecnoloxía de última xeración, complementa ás propias escavacións e a análises de radiocarbono e de sedimentos que fan de Brandomil un xacemento punteiro a nivel peninsular.
A recepción ós visitantes comezou na nova Oficina de Información Cultural-Turística, “Brandomil. Porta romana da Costa da Morte” que a Fundación Brandomil ten na área de lecer da Ponte Vella, instalacións que conteñen reproducións de pezas e imaxes áreas do espazo arqueolóxico, introdución perfecta para coñecer a vista de paxaro a distribución dos catro elementos que conforman o xacemento: o Camiño Real, a Ponte, a muralla do Castro e as domus romanas de Pedra do Altar.
Logo de coñecer o recentemente escavado Camiño Real de Santiago a Muxía, que se superpón a unha vía romana, a visita guiada atravesa o Xallas pola Ponte Vella (do século XVI con base romana) e bordea o Castro polo foso, nunha paraxe de gran beleza paisaxística, como recoñeceron os visitantes.
A seguir, o percorrido detívose na propia localidade, para amosarlles ós alumnos a riqueza de restos romanos que existen en moitas das casas da mesma: basas de columnas no muro da igrexa parroquial, pías e outras basas nos hórreos e, como non, o coñecido miliario romano de Brandomil.
Entrando no xacemento de Pedra do Altar pola xa afamada vía romana de case dous mil anos, o alumnado puido escoitar as explicacións das distintas partes que conforman a Domus Romana 1 que está descuberta parcialmente: Culina, Vestibulum, Atrium, Tablinum, Impluvium, Fauces, Tabernae… foron os nomes que ouviron das distintas estancias que conforman esta casa señorial do século I da Era e que está totalmente visitable.
Os resultados das escavacións do ano 2025 fican soterrados preventivamente, pero as estruturas localizadas a finais do pasado ano na finca Agro de Pedra do Altar serán as seguintes en quedar á vista, sorprendéndose os visitantes da distancia das mesmas ó xacemento visitable, clara mostra da magnitude da ocupación romana.
A ilustre visita rematou de novo na Oficina de Información co reparto de trípticos do xacemento, destacando a curiosidade entre o alumnado acerca da reprodución dun frontón funerario que aparecera en Brandomil, único na Comunidade Autónoma, e que na actualidade está en paradoiro descoñecido. Con esta réplica de polistireno inténtase dar coñecemento deste importante obxecto arqueolóxico para que a súa divulgación poda darnos algún día resposta do seu emprazamento actual.