mércores. 04.06.2025
El tiempo

As escolas coñecen o tesouro arqueolóxico Brandomil

visita-didactica-brandomil
As escolas coñecen o tesouro arqueolóxico Brandomil

Importante a aposta do Concello de Zas polo patrimonio local a través de accións que combinen divulgación, educación e participación activa da cidadanía máis nova.

E aí se enmarca a visita didáctica de máis de 100 alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza, de Santa Comba, ao xacemento arqueolóxico de Brandomil.

O alumnado acudiu en dúas quendas, guiados por Tania Carreira, técnica de Cultura do Concello de Zas, e por Enrique Iglesias, secretario da Fundación Brandomil. Durante o percorrido, puideron coñecer de primeira man os elementos máis destacados do conxunto patrimonial: a calzada, a ponte, o castro e as excavacións de Pedra do Altar que constitúen un dos enclaves arqueolóxicos máis relevantes da comarca.

Como parte da experiencia, cada neno e nena recibiu un nome romano co que foron identificados durante toda a visita, nunha proposta lúdica que lles permitiu mergullarse na cultura da época. A actividade completouse cun obradoiro de barro, no que elaboraron unha peza inspirada na cerámica antiga, que logo puideron levar para as súas casas como recordo da xornada.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, achegouse ata o lugar para darlles a benvida aos escolares e destacou a importancia de “achegar aos máis novos ao noso patrimonio como ferramenta educativa. Iniciativas coma esta axudan a poñer en valor a riqueza arqueolóxica que temos en Brandomil e a tomar conciencia da súa protección e conservación”.

Máis novas

Comentarios