Baio terá unha nova praza no casco urbano

Plano da ubicación da nova praza de Baio

 

En apenas 15 minutos, o pleno do Concello de Zas aprobaba, cos votos a favor do grupo de goberno (BNG) e a abstención do PP, o proxecto que permitirá iniciar a construción dunha nova praza no casco urbano de Baio. A praza situarase na zona do paseo fluvial da vila, e ocupará mías de 5.000 m2, contando ademais cunha zona de aparcamentos e unha vía que comunique as rúas Herbais da Ponte e Bispo Romero de Lema.

“É un proxecto complexo polo que chegar ata aquí foi un proceso moi longo e con moitas vicisitudes” recoñeceu o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, pois leva en marcha dende 2007. Se para o grupo de goberno é un día importantísimo para Zas pola dimensión da obra, para o voceiro do PP, David Gómez, vén sendo produto dos “caprichos electorais” do rexedor.

O PP lembra que o proxecto ten informes xurídicos negativos e censura que o rexedor se apoie en informes externos para sacalo adiante.

Os populares, que se abstiveron na votación, recoñecen a necesidade da actuación por tratarse “dunha demanda histórica dos veciños”, pero inciden en que debe levar a cabo coa seguridade xurídica necesaria para non que non xere problemas legais ao municipio.