Recuperado o Camiño Real, a antiga calzada romana de Brandomil
Remantaron as obras de consolidación e posta en valor do Camiño Real, antiga calzada romana de Brandomil, nunha intervención impulsada polo Concello de Zas que permite visitar xa na súa totalidade o tramo recuperado e, ao mesmo tempo, reforza a súa conservación a longo prazo.
A actuación, desenvolvida no denominado Camiño da Ponte Vella, permitiu recuperar 83,81 metros da vía histórica, cunha superficie de 374,86 metros cadrados. Os traballos centráronse na consolidación do lousado e dos laterais do Camiño, na mellora da drenaxe e na recuperación de distintos elementos da estrutura orixinal.
Unha intervención centrada na conservación
Os traballos incluíron a limpeza e mellora das cunetas, a reparación das beiras do Camiño Real, a recuperación dos bueiros e a consolidación do lousado, así como a retirada de materiais alleos á estrutura histórica. A intervención realizouse seguindo criterios de mínima intervención, reversibilidade e emprego de materiais compatibles cos orixinais, evitando reconstruír aquelas partes nas que non existía información suficiente sobre a súa configuración.
Ademais, a actuación tamén permitiu coñecer mellor a propia estrutura do camiño. Durante a intervención documentáronse diferentes sistemas de preparación do terreo baixo o lousado e distintos materiais pétreos empregados na súa construción. Nalgúns puntos identificáronse capas de area, arxila, gravas e pedra miúda que permiten afondar no coñecemento das técnicas construtivas empregadas na vía.
Un dos grandes espazos arqueolóxicos romanos da provincia
A recuperación do Camiño Real supón un novo paso na posta en valor dun espazo de especial relevancia arqueolóxica, no que conflúen diferentes elementos de época romana, medieval e posterior. Na contorna da Ponte Vella atópanse o Xacemento Romano-Medieval e Necrópole de Brandomil, o Castro de Brandomil e a propia Ponte, mentres que en 2025 se incorporou ao catálogo o xacemento de Pedra do Altar, situado ao oeste da localidade.
Este patrimonio converte Brandomil nun dos principais espazos arqueolóxicos romanos da provincia da Coruña, cun especial interese para o estudo das vías de comunicación e do asentamento romano neste territorio. As distintas intervencións realizadas nos últimos anos permitiron ir ampliando o coñecemento sobre a dimensión histórica e arqueolóxica do lugar.
A intervención no Camiño Real complétase coa actuación que o Concello de Zas está a desenvolver no antigo lavadoiro situado antes da Pedra do Altar. O elemento, que presentaba unha configuración baseada no cemento e na uralita, está a ser restaurado cunha nova solución en madeira e tella, máis acorde co carácter tradicional do lavadoiro e coa contorna natural e arqueolóxica na que se atopa.
Máis novas de Brandomil





