Cando o alumnado estuda mates con abrigo: A Dirección e a ANPA do CPI de Zas denuncian o insalubre estado das instalacións
Humidades, pingueiras, musgos, mofos… provocan que o alumnado do CPI de Zas vaian a clase armados coma se fosen á neve. Non é algo novo, ademais, i é que dende hai uns anos o centro escolar en colaboración coa ANPA O Pinar leva denunciando ante a Consellería de Educación o mal estado xeral das instalacións. Lamentablemente non recibiron nin sequera unha resposta nin por suposto, algunha actuación para paliar estas carencias da insalubre infraestrutura, polo que ambas entidades deciden facer pública a situación, como denunciaba a semana pasada o PSOE local.
Ante a inacción da Xunta, responsable estrutural do edificio, o centro escolar leva anos asumindo gastos para ir suplindo algunhas destas deficiencias diminuído así o orzamento destinado a outros requirimentos do centro.
”En numerosas estancias do centro educativo detéctanse filtracións de auga importantes, das cales a gran maioría proveñen da cuberta do tellado e das fiestras. Están a causar a aparición de mofo, cun impacto negativo na salubridade dos espazos e na saúde do alumnado e do persoal”, explican.
A situación tamén é tremendamente precaria no patio, e nas últimas semanas o profesorado está solicitando ás familias que leven unha mochila cunha muda para que se cambien os nenos, que ás veces volven do recreo empapados polas pozas e acúmulos de auga que hai nas fochancas do patio…
Necesidades
Así, poñen unha serie de actuaciós urxentes:
- As fiestras permiten a entrada de auga e frío, impregnando as paredes de humidade, ncrementando o consumo de calefacción e reducindo o confort térmico, precisando os nenos de prendas de abrigo durante as clases.
- Os baños que datan da construción do edificio supoñen un perigo polo mala fixación dos azulexos e consecuente desprendemento, ademáis do mal estado das tubaxes, que xeran cheiros persistentes.
- O sistema de calefacción presenta en diversos puntos un avanzado estado de oxidación, o que provoca fugas, perda de eficiencia enerxética e incidencias no funcionamento do sistema frecuentemente.
- Os canalóns de desaugadoiro exteriores atópanse en moi mal estado o que está a provocar danos materiais considerables e diversas filtracións de auga, incluso ten pezas soltas que poden ocasionar riscos físicos graves, atentando contra á seguridade dos usuarios do centro.
- As aulas destinadas ó xogo en días de choiva, que veñen a ser a gran maioría deles dende outubro ata marzo, non poden ser utilizadas na súa totalidade polas filtracións abondosas, limitando gravemente o seu uso.
- En numerosas aulas faltan placas do falso teito ou están deterioradas polas goteiras e humidades.
- O patio cuberto presenta tellaxes rotas, co conseguinte risco de caída e posibles accidentes.
Con esta longa lista de necesidades, as familias e o centro esperan a reacción da administración galega para tomar medidas. “Consideramos de vital importancia que as autoridades competentes asuman a responsabilidade que lles corresponde e busquen unha solución urxente”.
O PSOE leva o asunto ao Parlamento
O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento galego melloras urxentes para o centro. Por unha banda, dende o Partido Socialista denuncian o "perigo para a saúde e a seguridade do alumnado e do persoal" que implica o "estado lamentable" no que se atopa o CPI de Zas.
A portavoz do PSdeG de Zas, Sheila Rial, fixo esta afirmación durante unha visita ao centro educativo acompañada de Patricia Iglesias e Aitor Bouza, membros do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia. A voceira socialista lamenta que os deshumidificadores son "uns máis nas aulas" e que alumnado e persoal precisan chubasqueiros e cascos para poder acceder ao centro e desenvolver a súa actividade con seguridade nel.